A plataforma 'Nostián con Futuro' reclama unha campaña máis potente pola chegada do quinto contedor

ACoruñaXa
O colectivo veciñal e ecoloxista advirte de desconcerto entre a cidadanía e pide un proceso participativo con charlas abertas
A CORUÑA quinto contenedor (1)
29 Oct 2025

A Plataforma 'Nostián con Futuro' instou hoxe ao Concello da Coruña e ao Consorcio das Mariñas a acompañar a implantación do quinto contedor —prevista para este outono— cunha campaña de información e sensibilización moito máis ambiciosa. Segundo o colectivo, os dípticos enviados aos fogares e a publicidade en medios 'quedan curtos' para impulsar un cambio de hábitos desta magnitude.

A plataforma, que agrupa unha decena de entidades veciñais e ecoloxistas e da que forma parte ADEGA, asegura ter detectado moita confusión, mesmo entre persoas que queren separar correctamente: dende a sorpresa polo novo colector ata a dúbida sobre as diferenzas de uso. Para reverter esta situación, propoñen abrir un proceso participativo coa veciñanza e co tecido social, incluíndo a propia plataforma, con palestras e encontros abertos que permitan resolver de primeira man todas as preguntas antes de que o sistema entre a pleno rendemento.

'Nostián con Futuro' lembra que o modelo húmido-seco aplicado na planta de Nostián 'recupera máis materiais' ca o sistema de Sogama e avisa de que estes bos índices poderían verse resentidos se a introdución do quinto contedor non se planifica e explica axeitadamente.

O colectivo manifesta tamén a súa preocupación polo futuro da planta de tratamento e non comprende que aínda non se fixera público o prego de licitación para a nova xestión, 'a pesar da urxencia'. Lembran que a prórroga forzosa do contrato vixente rematou o 31 de decembro de 2024, polo que reclaman claridade e prazos.

⚙ Configurar cookies
0.071892023086548