A plataforma de Infesta reunirá o martes 7 de outubro coas delegacións da Xunta para abordar a seguridade na AC-542

A Plataforma de Infesta confirmou que o próximo martes 7 de outubro manterá unha xornada de reunións coas delegacións territoriais da Xunta para tratar o proxecto de seguridade vial na AC-542 e as alegacións presentadas pola propia Plataforma, polo Concello e por varios grupos políticos. O obxectivo do encontro é seguir de preto como pretende a administración incorporar as numerosas achegas formuladas e que a solución definitiva sexa a máis respectuosa posible coa convivencia diaria entre peóns e vehículos, a accesibilidade e, en definitiva, coa seguridade e a calidade de vida da zona. Ademais do expediente viario, no encontro abordarase a problemática das plantacións de eucaliptos e o respeto á normativa aplicada na masa forestal afectada. A Plataforma comprométese a informar con total transparencia sobre o resultado das xuntanzas.
As reunións comezarán ás 10.00 h coa Directora Territorial de Vivenda e co director da AXI (Axencia Galega de Infraestruturas), e continuarán ás 11.00 h coa Directora Territorial do Medio Rural e coa Xefa de Servizo Xurídico-Administrativo. A entidade subliña que, ante a percepción de falta de resposta por parte das administracións, considera a mobilización cidadá unha ferramenta para esixir solucións, aínda que apunta tamén á necesidade de dialogar e achegar propostas técnicas que permitan rematar con garantías o proceso urbanístico e medioambiental na contorna de Infesta.