A plataforma Arteixo Futuro reclama melloras urxentes na seguridade viaria da Travesía da Xesteira

ACoruñaXa
A plataforma denuncia a ausencia de pintado viario actualizado e a carencia dunha canalización adecuada das augas pluviais
arteixo-futuro
8 Apr 2025

A plataforma veciñal Arteixo Futuro vén de reclamar este martes unha intervención urxente na Travesía da Xesteira, situada na zona da Zapateira, que conecta diversos núcleos rurais e urbanizacións de Arteixo, A Coruña e Culleredo. A entidade subliña a importancia de garantir un bo mantemento das vías de tránsito rodado, co obxectivo de mellorar a seguridade e a calidade da mobilidade para os veciños da zona.

Arteixo Futuro é unha plataforma de pensamento veciñal que nace coa vontade de propoñer ideas e solucións para mellorar o municipio e os seus distintos núcleos habitados. A súa actividade comezou no ámbito dixital, e conta cunha comunidade de ducias de persoas, tanto residentes como traballadoras en Arteixo, que participan activamente na reflexión sobre o futuro da localidade.

A través das súas redes sociais, a plataforma compartiu un vídeo no que se denuncia a ausencia de pintado viario actualizado e a carencia dunha canalización adecuada das augas pluviais, especialmente tras as recentes cortas de madeira. Segundo explican, a falta dunha acequia con deseño axeitado provoca escorrentías de auga, pedras e terra que afectan directamente ao estado da vía.

Outro dos puntos destacados, sinalan, é a necesidade de instalar quitamedos no carril de baixada, xa que existe un considerable desnivel respecto das parcelas contiguas. Arteixo Futuro considera que a colocación destes elementos de seguridade viaria sería clave para previr riscos e mellorar os desprazamentos diarios.

Desde o colectivo fan un chamamento ao Concello de Arteixo para que preste unha atención equitativa a todos os núcleos que conforman o municipio, evitando que haxa veciñas e veciños que se sintan esquecidos ou desatendidos pola administración local.

 

⚙ Configurar cookies
0.18733310699463