A plataforma Arteixo Futuro propón un Pacto Local pola Vivenda ante a escalada de prezos

A plataforma cidadá Arteixo Futuro vén de solicitar publicamente este venres a creación dun 'Pacto Local pola Vivenda', unha iniciativa que pretende dar resposta á crecente crise habitacional no municipio. A entidade alerta da escaseza de vivendas en alugueiro, do incremento sostido dos prezos e do elevado número de pisos baleiros que permanecen sen uso no termo municipal.
Segundo datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) citados pola plataforma, en Arteixo existen actualmente ao redor de 3.507 vivendas baleiras. “Só con poñer en alugueiro taxado o 10 % destes inmobles, xa se podería cubrir a demanda de vivenda protexida rexistrada no Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), que conta con 159 persoas inscritas no concello”, sinalan desde o colectivo.
Arteixo Futuro considera que a resposta institucional non pode seguir baseándose exclusivamente na construción de novas promocións, cuxo impacto real se produciría dentro de varios anos. “A problemática xa está aquí e afecta á cidadanía hoxe”, indican. Por iso, urxen a activación da declaración de *Zona Tensionada*, unha ferramenta legal que permitiría limitar os prezos do alugueiro en zonas con presión residencial alta.
Desde o colectivo tamén denuncian as prácticas especulativas que se están a dar en plataformas inmobiliarias, nas que aparecen anuncios con prezos de entre 900 e 2.000 euros mensuais, xustificados baixo fórmulas como o “alugueiro de tempada” ou dirixidos unicamente a empresas. “Este tipo de prácticas distorsionan o mercado e fan subir o prezo medio, expulsando á poboación local”, explican.
A proposta de pacto inclúe tamén a necesidade dun investimento público decidido por parte do Concello, a Xunta e o Estado, que permita a posta en marcha dun mercado de alugueiro regulado, cun programa de rehabilitación de vivendas baleiras e garantías para os propietarios.
A plataforma lembra que a realidade social de Arteixo require solucións específicas: por unha banda, unha importante presenza de mocidade que non pode emanciparse polos altos prezos do alugueiro, e por outra, un número relevante de persoas maiores para as que sería necesario desenvolver modelos habitacionais alternativos aos residenciais tradicionais.
Arteixo Futuro insiste en que o dereito á vivenda debe estar no centro das políticas públicas locais e anima ao conxunto da sociedade arteixá a implicarse activamente neste debate de país que tamén se xoga no ámbito municipal.