A plataforma Arteixo Futuro propón a campaña "Fogares Seguros" para previr incendios domésticos

A plataforma veciñal Arteixo Futuro presentou unha proposta para a posta en marcha da campaña Fogares Seguros, unha iniciativa que busca concienciar á cidadanía sobre a importancia da prevención de incendios nos fogares e fomentar boas prácticas no uso de aparellos eléctricos e sistemas de calefacción ou cociña.
Segundo explican desde a plataforma, a campaña podería desenvolverse en colaboración co Goberno local, mediante o reparto de pasquíns informativos en cada vivenda. Estes incluirían consellos prácticos baseados en recomendacións de diferentes corpos de bombeiros do Estado, como evitar o uso excesivo de "ladróns" nos enchufes, garantir a ventilación adecuada das cociñas a gas ou non tirar cabichas acesas no lixo.
A proposta tamén pon o foco nos colectivos máis vulnerables: as persoas maiores e as familias con nenos pequenos. Para elas, Arteixo Futuro suxire que o Concello asuma o custo da adquisición e reparto de detectores de fume, como medida preventiva que podería salvar vidas e reducir danos materiais. Apuntan, ademais, a exemplos como o da provincia de Bizkaia, onde en 2024 preto de 9.000 comunidades de veciños recibiron carteis autoadhesivos con información vital ante incendios, grazas á colaboración institucional.