A plantilla de Losán intensifica a presión polo impago de nóminas e a falta de garantías de futuro

ACoruñaXa
Concentración diante das oficinas do grupo na Coruña para reclamar o cobro inmediato e un plan de viabilidade para as plantas de Curtis e Vilasantar
CURTIS folga losan en coruña
26 Feb 2026

Traballadores e traballadoras de Industrias Losán volveron saír á rúa este xoves, 26 de febreiro de 2026, cunha concentración diante das oficinas que o grupo empresarial ten na Coruña. O obxectivo foi claro: esixir o pago inmediato dos salarios pendentes e obter información concreta sobre a continuidade do emprego e da actividade produtiva nas fábricas.

A protesta dá continuidade ao calendario de mobilizacións iniciado pola plantilla ante o impago reiterado das nóminas e a ausencia de respostas efectivas por parte da dirección nun momento de máxima incerteza financeira. Segundo explicou o presidente do comité de empresa en Curtis, Xosé Anxo Sánchez, a situación é xa límite: 'Levamos catro meses sen cobrar, camiño de cinco, e non vemos solución. Estamos nunha tesitura que nos afoga, as familias non poden máis'.

O comité denuncia que non existe, polo momento, un plan de viabilidade coñecido que garanta o futuro dos preto de 200 empregos directos que xeran as fábricas de Curtis e Vilasantar. A última comunicación trasladada pola empresa, segundo Sánchez, apunta a que a dirección está a elaborar un plan de reestruturación da débeda que prevé presentar a próxima semana no xulgado do mercantil.

A plantilla tamén lembra que o prazo de prórroga para evitar a entrada no concurso de acredores remata o 28 de abril e que a dirección xa avanzou que, previsibelmente, se chegará á data límite sen alternativas claras enriba da mesa. 'Nós non podemos aguantar até abril sen cobrar. Hai que buscar unha solución inmediata', insiste o presidente do comité.

No plano institucional, o persoal critica que, malia o apoio expresado no Congreso á iniciativa do BNG para pedirlle ao Goberno do Estado, a través da SEPI, unha maior implicación, e malia a disposición amosada pola Consellaría de Industria, a día de hoxe non existen garantías nin para manter os postos de traballo nin para recuperar a actividade nas plantas.

Co foco posto nun sector que consideran estratéxico e clave para o emprego en zonas rurais con poucas alternativas, o comité reclama unha intervención real das administracións e medidas que vaian máis alá das declaracións. Mentres, xa anuncian que estudan novas accións 'máis contundentes' se non hai avances inmediatos, ao entender que a empresa 'demostrou que non ten capacidade' para reverter unha crise que atribúen a unha xestión deficiente.

0.11994695663452