A pista de xeo natural de Perillo abre hoxe, 28 de novembro, as súas portas

A pista de xeo natural instalada na Polideportiva da avenida II República, en Perillo, abre hoxe, 28 de novembro, ao público e converterase nun dos principais atractivos do Nadal en Oleiros. A instalación permanecerá operativa ata o 11 de xaneiro, cun amplo horario pensado tanto para días lectivos como para fins de semana e festivos.
En período lectivo, a pista funcionará de luns a xoves de 16.45 a 21.30 horas, os venres de 16.00 a 23.30 horas e as fins de semana e festivos de 11.00 a 23.00 horas. Durante as vacacións de Nadal, o horario será ininterrompido, de luns a domingo, de 11.00 a 23.00 horas.
Haberá horarios especiais nalgunhas datas sinaladas: os días 24 e 31 de decembro abrirá de 11.00 a 18.15 horas; os días 25 de decembro e 1 de xaneiro, de 18.30 a 22.45 horas; e o Día de Reis, 6 de xaneiro, de 11.00 a 14.00 horas e de 16.45 a 23.00 horas.
O acceso á pista durante media hora terá un prezo de 6 euros e inclúe o aluguer de patíns. Para patinar será obrigatorio levar luvas.
O Concello de Oleiros xa está a coordinarse cos colexios públicos de Educación Primaria para organizar saídas escolares antes das vacacións de Nadal, de maneira que nenos e nenas poidan gozar da actividade. Esta proposta estará integramente financiada polo Concello e beneficiará ao alumnado dos centros públicos do municipio.
Ademais, a partir do 5 de decembro instalaranse na praza Esther Pita, en Santa Cruz, outras atraccións de Nadal a prezos populares para todas as crianzas. A praza acollerá tamén múltiples obradoiros de artes plásticas relacionados con estas datas, animación infantil e diversas actuacións musicais ao longo de todo o mes de decembro.