A pista de xeo de Perillo acenderá o Nadal en Oleiros dende o venres 28

ACoruñaXa
O Concello activa dous focos de lecer en Perillo e Santa Cruz, con patinaxe, atraccións infantís e obradoiros durante todo o mes de decembro
OLEIROS pista xeo
24 Nov 2025

O municipio porá en marcha a súa programación de Nadal este venres 28 coa apertura da pista de xeo natural situada na Polideportiva da Avenida II República, en Perillo. Este espazo de diversión manterase operativo ata o 11 de xaneiro de 2025 e converterase nun dos principais reclamos da tempada.

En período lectivo, a instalación funcionará de luns a xoves entre as 16.45 e as 21.30 horas; os venres ampliará o horario de 16.00 a 23.30 horas; e durante as fins de semana e festivos estará dispoñible de 11.00 a 23.00 horas. No tempo de vacacións de Nadal, abrirá de maneira continuada de luns a domingo, tamén de 11.00 a 23.00 horas.

A pista terá horarios especiais nas datas sinaladas. Os días 24 e 31 de decembro permanecerá aberta de 11.00 a 18.15 horas, mentres que o 25 de decembro e o 1 de xaneiro funcionará de 18.30 a 22.45 horas. O Día de Reis (6 de xaneiro) poderá visitarse de 11.00 a 14.00 horas e de 16.45 a 23.00 horas.

O acceso durante media hora terá un prezo de 6,00 euros, con patíns incluídos, e será obrigatorio o uso de luvas.

O Concello xa coordina cos centros públicos de primaria varias excursións para que o alumnado poida desfrutar da actividade antes das vacacións. A administración local financiará estas saídas ao completo, beneficiando así a nenos e nenas de todos os colexios públicos do municipio.

A partir do 5 de decembro, Santa Cruz tamén contará co seu propio espazo festivo. A Praza Esther Pita acollerá atraccións de Nadal a prezos populares, así como numerosos obradoiros de artes plásticas, animación infantil e diversas actuacións musicais ao longo de todo o mes.

⚙ Configurar cookies
0.077025175094604