A piscina municipal de Abegondo estrea nova imaxe este verán tras a súa reforma integral

O Concello de Abegondo está a piques de finalizar as obras de reforma da piscina municipal, unha instalación ao aire libre que rexistra un elevado uso durante os meses de verán. Segundo confirmou o propio Concello, está previsto que a piscina abra xa este mes de xuño, coincidindo co remate do curso escolar, e ofrecerá aos usuarios unhas novas prestacións máis modernas e confortables.
A actuación principal céntrase na rehabilitación integral dos dous vasos que conforman o complexo acuático. Para iso, estase instalando unha membrana armada de dúas capas de PVC de alta calidade, reforzada cunha malla de poliéster tecido. Trátase dun material que destaca pola súa gran capacidade de estanqueidade e que, ademais, ofrece un tacto agradable ao usuario. É compatible cos produtos empregados no tratamento da auga e está protexido contra os aceites e os raios ultravioleta, o que facilita tamén as tarefas de limpeza e mantemento.
Ademais, estase realizando un forrado especial do rebordelo de todo o vaso e substituíndo todas as boquillas e desaugadoiros por elementos novos. No marco desta intervención tamén se revisa o sistema de depuración e os compoñentes da sala de máquinas, como os circuítos e os motores.
Outro dos aspectos destacados da reforma é a mellora na accesibilidade da piscina. Incorporaranse escaleiras na zona máis profunda para facilitar a entrada ao vaso.
O investimento total da obra ascende a 47.000 euros. Para a súa execución, o Concello contou cunha achega da Xunta de Galicia por importe de 32.984,30 euros, procedente da liña de subvencións destinada á mellora de equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.
O alcalde, José Antonio Santiso, salientou a necesidade desta actuación, xa que a instalación presentaba “o deterioro propio do seu uso” e asegurou que a rehabilitación “é moi necesaria”. Así mesmo, quixo agradecer a colaboración do Goberno galego por permitir levar a cabo unha obra “esencial para un equipamento deportivo que cada verán acolle un uso diario tanto recreativo como para a impartición de cursos de natación”.