A parroquia ordense de Ardemil prepárase para revivir a malla tradicional os días 8 e 9 de agosto

ACoruñaXa
Centos de persoas poderán mergullarse nesta práctica, unha das máis representativas do mundo labrego
malla-ordes
2 Aug 2025

A parroquia de Ardemil, no concello de Ordes, volverá converterse nun referente da tradición agrícola galega coa celebración da súa emblemática malla, organizada pola Asociación Cultural Castro da Croa. A cita, que terá lugar os días 8 e 9 de agosto, reunirá unha vez máis centos de persoas dispostas a mergullarse nunha das prácticas máis representativas do mundo labrego: a separación do gran da palla coas técnicas e maquinaria propias do século pasado.

A festa arrincará o venres pola noite, a partir das 22.00 horas, coa actuación musical de Yuni Remix e o tradicional reparto de touciño entrefebrado. Será o preludio perfecto para unha xornada de sábado na que a malla será a gran protagonista, a partir das 12.00 horas.

O programa inclúe tamén unha feira de antigüidades, exposicións de vehículos e tractores clásicos e un circuíto infantil da marca Rolly Toys. Non faltará a animación tradicional con gaiteiros nin a oferta gastronómica, que contará cunha carpa onde se poderá degustar carne ao caldeiro e polbo. O Trío Reynamar será o encargado de pór o broche musical a unha festa que se estenderá ata ben entrada a noite.

A organización mantén aberto o prazo de inscrición para participar na feira, que se pode formalizar a través do número de teléfono 676 221 905.

Un ano máis, o Concello de Ordes colabora cun evento que, segundo destacan os organizadores, está “marcado pola tradición e o traballo no eido rural”, e que se consolidou como unha das citas culturais máis singulares da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.13736796379089