Veiga festexa a romaría de San Brais e o Entroido con choqueiros e a lectura do Testamento

ACoruñaXa
Falamos con José Otón, membro da comisión, que conta o que fai especial este singular festexo no Concello de Culleredo
veiga-entroido-san-blas-2
2 Mar 2025

Por Amanda Fernández

A parroquia de Veiga, no Concello de Culleredo, festexará este luns 3 de marzo un dos ‘Entroidos’ máis auténticos da comarca, coa tradicional Romaría de San Brais. A festa dará comezo ás 12.00 horas cunha ampla programación, que inclúe a misa e a procesión, o desfile de comparsas e un xantar popular. Porén, se por algo ten sona esta celebración e pola agardada lectura do Testamento, nun festexo que se recuperou polos anos 80.

“Isto comezou hai 35 anos e sempre celebramos o San Brais coincidindo co luns de Entroido. Eu xa non lembro a festa antiga, pero existe unha cruz que lembra o falecemento dunha persoa durante a romaría e data de 1924”, recoñece José Otón, membro da comisión do San Brais de Veiga. Otón conta como decidiron no seu momento recuperar a romaría: “Un día xuntánomos Eduardo Fragoso, Domingo Iglesias, e eu, xunto con Pepe de Bregua, que xa morreu, e decidimos recuperar iso. Pensamos inicialmente en traer uns gaiteiros e botar uns foguetes, nada máis, por recordar tempos”.

O que comezou por nostalxia, pasou duns gaiteiros a unha comparsa por idea de Domingo. Así, no primeiro ano trouxeron tres comparsas e estrearon o famoso Testamento. “Foi posiblemente o que tivo éxito e a festa saíu ben desde o inicio”, recoñece Otón. A partir de aí, trouxeron humoristas, un dúo ou trío, comparsas e os ‘choqueiros’. A día de hoxe acoden a Veiga e ao San Brais, orquestras de gran nome como Os Satélites, o ano pasado, e Salsarena nesta edición de 2025.

QUE É ISO DO TESTAMENTO?

A celebración tiña lugar no cruceiro, pero recoñece Otón que coa boa acollida de xente, ano tras ano, o espazo quedábase pequeno: “Agora a familia Díaz Patiño agasallounos cunha leira onde se facía a romaría e o Concello mercou outra ao lado, xa temos moito espazo”. Contan con dúas carpas, unha para o xantar con polbo e a outra para as actuacións.
A misa comeza ás 12.00 horas, logo hai o desfile de Choqueiros e comeza a tocar a orquestra para dar paso ao xantar. Xa na sesión de tarde volverá a dar outro pase a orquestra ata as 19.30 horas.

A Veiga festexa en si o San Brais, que coincide co Entroido, polo que, incorpora elementos como as comparsas e os ‘Choqueiros’. Porén, sen dúbida, o que a fai especial é a lectura do Testamento. “Consiste nunha crítica das cousas que pasaron en todo o ano na parroquia e con fincapé nas actuacións do Concello de Culleredo”, explica José Otón. Durante anos viña un trío musical e cantábase o Testamento, pero agora será lido por veciños e veciñas. Son unhas coplas sinxelas de catro versos cada unha e 50 estrofas aproximadamente.

“O Testamento comeza coas críticas ao Concello e logo xa pasan á parroquia, con algunha liorta que houbera ou mesmo lío amoroso. Houbo anos no que foi moi duro e a xente pícalle o gusanillo de ver o que sae e de quen sae algo”, explica.

“TEMOS XANTAR PARA 540 PERSOAS E ESGOTÁRONSE OS TICKETS NUNHA SEMANA”

A romaría de San Brais converte a Veiga durante o luns de Entroido nun punto de encontro de xente que vén de fóra da parroquia. “Hai pouca xente que traballa o luns e a quen lle tocaba, pide o día para non perder a cita”, destaca.

Vén xente de todas as idades e, pese a ser menos comparsas, cada vez son máis choqueiros, asisten moito. Hai quen tamén acode pola devoción ao San Brais que é avogoso da gorxa: “O cura coloca durante a misa unhas gargantillas aos asistentes e a igrexa énchese para a posterior procesión”.

Non falta neste festexo a gastronomía co polbo como produto estrela: “Temos xantar para 540 persoas e esgotáronse os tíckets nunha semana. O ano pasado houbo moita xente e agardamos ter máis este ano!”. Manifesta José Otón que, se alguén aínda non foi ao Entroido e San Brais de Veiga. que “se vén, vai volver”.

⚙ Configurar cookies
0.16885805130005