A parroquia de Veiga celebrou o seu Entroido cos choqueiros e a lectura do testamento

A parroquia de Veiga, no Concello de Culleredo, celebrou a súa festa de Entroido máis xenuína. Os choqueiros volveron encher un ano máis a Romaría de San Blas, na parroquia de Veiga, cun ambiente cargado de animación, disfraces orixinais e gastronomía popular.
O Luns de Entroido arrancou ás 12.30 horas coa tradicional misa e procesión, seguidas dunha longa sesión vermú amenizada pola Orquestra Salsarena. Pouco a pouco, os choqueiros foron chegando ao campo da festa, procedentes tanto de Culleredo como doutras zonas do val de Veiga, mantendo unha tradición que perdura dende hai décadas. O Entroido de Veiga naceu grazas á iniciativa dos propios veciños da zona, que continúan a organizalo co apoio do Concello de Culleredo.
O concurso de disfraces reuniu un total de 21 grupos participantes. O primeiro premio recaeu en “Krampus”, o segundo en “A vella e o nota” e o terceiro en “A morocha”.
Tras o concurso, chegou a tradicional lectura do testamento, na que a Comisión de San Blas repasa con coplas satíricas a actualidade con ton crítico e humorístico. A festa continuou coa comida popular, cun menú de polbo e carne ao caldeiro, que esgotou todas as prazas dispoñibles con días de antelación.
O Concello de Culleredo pechará a súa programación especial de Entroido con máis festas nos centros sociais, que incluirán animación infantil e obradoiros. As actividades terán lugar o martes de Entroido en O Noso Lar e Sésamo, e o mércores en Castro Laxe, Castelo e Orro, todas elas ás 17.00 horas.