A parroquia de Sueiro, en Culleredo, celebra a VII Festa das Nais cun xantar de homenaxe

A parroquia de Sueiro, no Concello de Culleredo, acolleu este sábado 10 de maio a sétima edición da Festa das Nais, unha celebración xa consolidada no calendario local que reuniu a 230 persoas. O evento, organizado pola Asociación de Veciños de Sueiro coa colaboración do Concello de Culleredo, tivo como protagonistas ás nais da parroquia, ás que se lles rende homenaxe cunha comida de confraternidade.
A xornada arrancou ás 13.00 horas cunha animada sesión vermú que deu paso ao prato forte do día: unha comida con menús diferenciados para persoas adultas e para a mocidade. O ambiente festivo prolongouse durante toda a tarde e parte da noite grazas á música en directo do Dúo Estrellas e ás sesións de GusDJ, que fixeron bailar aos asistentes ata ben entrada a madrugada.
Os máis pequenos tamén tiveron o seu espazo grazas á presenza das coidadoras municipais, que organizaron xogos e actividades infantís para garantir o seu entretemento durante o evento.
A Festa das Nais naceu coa intención de celebrar conxuntamente o Día da Nai e a Festa dos Maios. Porén, co paso dos anos, a celebración evolucionou ata converterse nunha xornada de convivencia centrada na homenaxe ás nais da parroquia. Se ben nos seus inicios elaborábanse os tradicionais maios, a actual versión da festa opta por un cartel decorativo que recibe aos asistentes como símbolo da benvida.
Na actualidade, arredor de 130 nais forman parte da Asociación de Veciños de Sueiro, que contabiliza os seus socios por unidades familiares, con unha nai como representante de cada unha. Todas elas foron convidadas á comida e recibiron un agasallo como mostra de recoñecemento e afecto.