A parroquia de Cines, en Oza-Cesuras, lánzase ao humor cun monólogo de Isi e churrasco

ACoruñaXa
Despois do monólogo, a festa continuará coa música de Gus DJ, encargado de poñer ritmo á noite
cimes-oza-cesuras
20 Jun 2025

A parroquia de Cines, en Oza-Cesuras, prepárase para unha noite chea de humor, boa comida e música este sábado 21 de xuño. A Asociación Cultural de Cines organiza unha festa popular que arrincará ás 20.00 cunha gran churrascada aberta a veciños, veciñas, amizades e toda persoa que queira achegarse a celebrar a chegada do San Xoán nun ambiente festivo e acolledor.

"Buscando algo distinto ao de sempre miramos a ver se podemos instaurar unha data de humor na zona porque non o hai. Decidimos comezar con Isi e gustaríanos se sae ben facelo anual xa que non hai moita cultura de monólogos e así. Logo sería churrasco, o monólogo e música cun DJ!", explican desde a organización.

A cita conta cun prato forte: a actuación do humorista Isi, prevista para as 22.30 horas. O cómico promete unha noite inesquecible chea de risas e complicidade co público: “Imos pasalo de maravilla, rindo moito e contando chistes, que non me falte ninguén, que paso lista, en Oza-Cesuras, Cines”.

Despois do monólogo, a festa continuará coa música de Gus DJ, encargado de poñer ritmo á noite para pechar a xornada por todo o alto. A entrada é gratuíta e o evento conta coa colaboración do Concello de Oza-Cesuras, a Deputación da Coruña e empresas locais como Neumáticos Milano.

A veciñanza de Cines aposta así por ofrecer unha alternativa cultural e festiva distinta, con vontade de converter esta proposta nunha tradición anual que una gastronomía, humor e música nun mesmo espazo.

⚙ Configurar cookies
0.15949511528015