A Papanoelada Motera encherá Betanzos de motos e espírito solidario este sábado

Betanzos acollerá este sábado, 20 de decembro, unha nova edición da Papanoelada Motera, unha cita xa tradicional no Nadal brigantino que reunirá a ducias de motoristas vestidos de Papá Noel polas rúas da cidade. A saída está prevista para as 17.00 horas desde a praza Irmáns García Naveira.
O evento, organizado polo Moto Club Betanzos coa colaboración do Concello e Protección Civil, converterá o centro urbano nun desfile de motos decoradas con motivos nadalicios, combinando ambiente festivo, afección polo motor e espírito solidario.
A Papanoelada Motera está pensada como unha actividade aberta á cidadanía, especialmente atractiva para o público familiar, e consolídase ano tras ano como unha das propostas máis singulares da programación de Nadal en Betanzos, atraendo participantes e visitantes doutros puntos da comarca.