A Orquestra Sinfónica de Galicia ofrecerá concertos en toda a provincia da Coruña

ACoruñaXa
Grazas ao convenio de colaboración institucional entre o Concello da Coruña e a Deputación
corunha-dep-osg
19 Jun 2025

A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) volverá soar en distintos municipios da provincia durante o ano 2025 grazas ao convenio de colaboración asinado entre a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso. O acordo, cun investimento de 1,5 millóns de euros por parte da institución provincial, permitirá que a formación coruñesa leve a súa música a concellos como Ferrol, Santiago, Vimianzo e outras localidades aínda por confirmar.

O obxectivo é achegar a excelencia musical da OSG a todos os públicos e ao conxunto do territorio provincial. “A nosa querida Orquestra Sinfónica de Galicia é todo un referente a nivel mundial e, ademais dos seus grandes concertos máis alá de Galicia, é moi necesario que a nosa provincia e as súas diversas localidades poidan gozar dos seus concertos”, destacou Inés Rey, quen agradeceu á Deputación o seu apoio á programación da agrupación.

Na mesma liña, González Formoso subliñou que “a OSG é un referente no seu ámbito e un orgullo para todos os galegos e galegas. Co apoio da Deputación queremos que a súa excelencia musical non quede restrinxida ao Palacio da Ópera da Coruña, senón que se espalle por todo o territorio, achegando a música a todos os concellos e a todos os públicos”.

O convenio abrangue non só os concertos da tempada da Sinfónica na provincia, senón tamén actuacións da Orquestra Nova, da Orquestra de Nenos e Nenas e dos Coros da OSG. Ademais, permitirá a continuidade do seu proxecto didáctico, con medio cento de actividades que inclúen sesións escolares, concertos en familia e propostas extraordinarias por distintos puntos do territorio.

O Concello da Coruña, impulsor e creador da OSG, segue a manter un compromiso firme coa agrupación, á que destina 4 millóns de euros anuais a través do Consorcio para a Promoción da Música. Na actualidade, esta achega foi incrementada en case medio millón de euros nos orzamentos municipais.

⚙ Configurar cookies
0.15443778038025