A Orquestra Gaos regresa ao Teatro Colón cun concerto especial

ACoruñaXa
A formación abordará como o concepto de nacionalismo na música segue a influír na visión do mundo actual
Imaxe do Teatro Colón da Coruña
12 Mar 2025

A Orquestra Gaos volverá ao emblemático Teatro Colón o vindeiro domingo 23 de marzo ás 19.30 horas, na primeira das súa actuacións deste ano 2025 neste recinto municipal. Para esta ocasión, a formación presentará un concerto cunha innovadora sesión introdutoria, pensada para achegarse aínda máis ao seu público.

A través das obras de Antonín Dvořák e Bedřich Smetana, a Orquestra Gaos abordará como o concepto de nacionalismo na música segue a influír na visión do mundo actual. “Desde o Goberno de Inés Rey continuamos estreitando vínculos con esta formación, que forma parte por méritos propios da programación cultural da Coruña desde hai moitos anos e constitúa unha oportunidade única para achegar á cidadanía a máis alta calidade musical”, destacou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

Nesta ocasión, a Orquestra Gaos contará coa participación especial de Raúl Mirás como solista. O coruñés, actual violonchelo principal da Orquestra Sinfónica de Galicia, comezou a súa formación musical con Ilia Keilin e graduouse en Musikene con Asier Polo. Posteriormente, realizou estudos de máster na Musik-Akademie Basel con Thomas Demenga e na Hochschule für Musik Rostock con Julian Steckel. Ademais, a súa paixón pola música de cámara levouno a traballar con mestres como Rainer Schmidt, Walter Levin, Sergio Azzolini ou Anton Kernjak, e a estudar cuarteto de corda con Natasha Prishepenko na Universität der Künste Berlin.

Ao longo da súa traxectoria como solista, Raúl Mirás actuou con orquestras de prestixio como a Sinfónica de Tenerife, a Orquestra Gaos, a Sinfónica de Musikene, a FRSinfonieorchester Rostock e a Nova Orquestra de Asturias. No seu repertorio destacan concertos de compositores como Antonín Dvořák, Edward Elgar, Dmitri Shostakóvich ou o "Don Quixote" de Richard Strauss.

 

 

⚙ Configurar cookies
0.22560405731201