A ordense Lara López, subcampioa de España absoluta en remolque de maniquí con aletas

ACoruñaXa
A nadadora do Club Noja Playa Dorada NetCan logra a prata no VI Campeonato de España de distancias curtas en piscina e confirma o seu lugar na elite nacional de salvamento e socorrismo
ORDES lara natacion
25 Nov 2025

A piscina cuberta Fuente de la Niña, en Guadalajara, foi o escenario no que a deportista ordense Lara López Fernández volveu brillar a nivel estatal ao proclamarse subcampioa de España absoluta na proba de 50 metros remolque de maniquí con aletas no VI Campeonato de España de distancias curtas de salvamento e socorrismo (VI Spanish Short Course Championship), defendendo as cores do Club Noja Playa Dorada NetCan.

O campionato reuniu máis de 400 socorristas de 46 clubes e 13 comunidades autónomas, nunha das competicións máis esixentes e agardadas do calendario, que marca o inicio da tempada 2025-2026 de piscina para a modalidade. A cita foi organizada pola Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo en colaboración co Concello de Guadalajara, a Deputación provincial, a Federación castelá-manchega e o Club Alcarreño, anfitrión do evento.

Na proba de 50 metros remolque de maniquí con aletas absoluta feminina, Lara só foi superada pola internacional Miriam Martínez Manzano, do Club Alcarreño. A socorrista ordense mantívose entre as mellores marcas dunha competición que inclúe seis probas individuais e catro relevos, deseñadas para reproducir en piscina as situacións reais de rescate en auga e que requiren unha gran combinación de velocidade, técnica e forza.

Este novo podio chega nun ano especialmente brillante para Lara López. No mes de marzo proclamárase xa campioa de España de 50 metros socorrista e subcampioa en 50 metros remolque de maniquí con aletas no Nacional de distancias curtas disputado na piscina municipal Valdesanchuela, en Valdemoro (Madrid), resultados que xa daquela confirmaran o seu grande momento deportivo.

A nadadora forma parte ademais do grupo de seguimento de alto nivel de piscina en categoría absoluta feminina da Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo, listado no que figura co Club Noja Playa Dorada NetCan xunto a algunhas das mellores especialistas do país, o que reforza o seu papel de referencia nesta disciplina.

O éxito de Lara López volve colocar o nome de Ordes no mapa deportivo estatal e serve de estímulo para a canteira local, que ve na socorrista un exemplo de esforzo, perseveranza e compromiso cun deporte que combina seguridade acuática e alta competición.

⚙ Configurar cookies
0.072611808776855