A oposición veciñal ao PIA de Monte Mero gaña protagonismo na apertura de 'Emigrantas'

A inauguración da exposición 'Emigrantas: Emerxer do silencio' no Quiosco Alfonso estivo marcada pola protesta dun grupo de veciños e veciñas afectados pola expropiación de casas e terreos vinculada ao PIA de Monte Mero. A concentración, protagonizada por arredor de 60 persoas, serviu para dar visibilidade a un conflito que afecta a distintos núcleos situados entre Eirís e Pedralonga.
Co lema 'Monte Mero xa existe! Monte Mero resiste!', os manifestantes acudiron ao acto de apertura da mostra para facer pública a súa situación diante de representantes do Concello da Coruña e da Xunta de Galicia. Segundo trasladaron, as afeccións concéntranse en zonas como Chan da Agra, Monte do Mero, O Foxo, Pedralonga e Pedro Fernández.
As persoas mobilizadas denunciaron que o proxecto supón a expropiación de vivendas e parcelas e advertiron de que preto de 200 persoas poderían verse afectadas pola perda da súa casa, ademais doutras moitas propietarias de terreos. O colectivo reclama que as administracións implicadas lles ofrezan unha solución 'razoable' e abra unha vía de diálogo que permita abordar o impacto social do plan.
As entidades veciñais tamén aseguraron que levan desde novembro solicitando unha reunión coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey. Segundo explicaron, aproveitaron a súa presenza na inauguración para reiterarlle esa petición e, sempre segundo a versión trasladada polos organizadores da protesta, a rexedora comprometeuse a sentar a falar coas persoas afectadas.
Durante a concentración tamén recibiron o apoio do portavoz do Partido Popular no Concello, Miguel Lorenzo, e de concelleiros do BNG que acudiran ao acto. Ademais, varias persoas que saían da exposición sumáronse á recollida de sinaturas impulsada polo movemento veciñal.
A protesta coincidiu coa apertura de 'Emigrantas: Emerxer do silencio', unha exposición promovida polo Concello da Coruña e o Consello da Cultura Galega, co apoio da Xunta, que recupera as historias da emigración das mulleres galegas a través de arquivos, fotografías, cartas, materiais audiovisuais e obxectos persoais. A mostra poderá visitarse ata o 3 de maio no horario habitual do Quiosco Alfonso e con entrada de balde.