A oposición fala en Oleiros

ACoruñaXa
A portavoz popular, Loli Silva; a representante do PSOE, Carmen Acuña; e o concelleiro do BNG, Iván Roca expresan o labor da oposición no municipio coruñés
Oposición de Oleiros
24 Nov 2024

Por Miriam García

A oposición en Oleiros está liderada por tres partidos políticos, o Partido Popular, O Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego, que entre os tres suman oito concelleiros, fronte aos trece que ten o Goberno local de Alternativa dos Veciños, polo que a oposición enfróntase cunha maioría absoluta que non lle permite, moitas veces, sacar adiante as súas mocións.

Con respecto ao Partido Popular, Loli Silva, sostén que sempre estivo vinculada á política pola súa familia. Silva comezou como colaboradora do partido, e desde o 2019 desenvolve un papel activo na política municipal de Oleiros. Primeiro, na anterior lexislatura, asumiu o cargo de Concelleira, e na actualidade exerce como voceira do seu grupo político e como directora do Colexio de Santa Cruz.

Carmen Acuña, portavoz do PSOE, chegou a Oleiros desde O Barco de Valdeorras por motivos laborais. Cunha ampla traxectoria política desde os anos 80, Acuña afiliouse ao partido e formou parte do equipo de goberno local no seu municipio natal, onde foi concelleira. Compatibilizou ese cargo co seu traballo como médica no hospital comarcal. Posteriormente, deu o salto ao Parlamento Galego no 2005 como integrante das listas do PSOE lideradas por Touriño, onde estivo 12 anos, chegando a ser portavoz de Sanidade na Xunta. Logo de deixar a política autonómica, retomou a súa carreira médica. Unha comisión de servizos levouna a traballar como médica na vila de Santa Cruz, onde acabou establecéndose e incorporándose á política local.

No caso de Iván Roca Cruz, portavoz do BNG, leva dende o ano 2022 formando parte da vida política do municipio. A súa vinculación co partido comezou na súa mocidade, cando, despois de vivir a discriminación do galego na súa vida diaria e percibir o rexeitamento á súa identidade galega, concluíu que o nacionalismo era a única opción para loitar pola súa terra. A súa experiencia persoal, especialmente durante os anos 80, motivouno a unirse ao BNG como xeito de defender a Galicia e a súa cultura.

Facer fronte a unha maioría absoluta

O alcalde Ángel García Seoane ocupa o cargo de forma ininterrompida desde as eleccións municipais de 2003, liderando o partido que el mesmo fundou. Nas últimas eleccións, celebradas en 2022, acadou unha maioría absoluta, o que dificulta a actividade dos partidos da oposición no Concello. Tanto a voceira do Partido Popular como a do PSOE coinciden en sinalar que, debido a esta maioría, o alcalde exerce un poder total que Carmen Acuña cualifica como “caciquismo rancio”, impedindo que a maior parte das mocións presentadas pola oposición cheguen a debaterse no pleno, xa que son rexeitadas durante o proceso de rexistro.

“Presúmense de goberno progresista, poñen ao Che Guevara ao fresco nunha rotonda, pero non actúan en absoluto como tal”, critica a voceira do PSOE. Ademais, engade: “Supoño que tantos anos no poder inflúen. Penso que quedarse demasiado tempo no cargo é prexudicial, hai que renovarse para non esgotarse. Como resultado, o alcalde actúa como se o Concello fose unha extensión súa, como se sen el nada funcionase ou se fixese”.

Pola súa banda, Loli Silva, do Partido Popular, explica que o papel da oposición no Concello debería ser “o de supervisar que todo se faga correctamente e que non se cometan ilegalidades”. Tamén destaca a importancia de servir de ponte entre os veciños e o Goberno local: “Por iso non entendo por que o equipo de goberno non está sempre disposto a escoitar as propostas que facemos desde a oposición”, lamenta.

Mentres tanto, o nacionalista Iván Roca defende que as achegas do BNG sempre se fundamentan no diálogo e no consenso. “As iniciativas históricas do BNG, defendidas durante anos pola nosa formación, están a converterse en realidades tanxibles e orzamentadas”, sinala. Entre os logros destaca a xestión pública das augas, o albergue municipal, a rotonda da Chasqueira, o inminente plan integral da Costa de Dexo, a oficina de información turística, os locais de ensaio, os terreos para autocaravanas e a mellora da seguridade no parque do Seixo Branco.

Doutra banda, Carmen Acuña destaca a multitude de faltas de respecto e insultos cara a súa formación parte do rexedor, ademais de que alega que non se lles permite presentar as súas mocións o pleno. “Non nos está quitando a nós como formación a palabra, senón que se lla esta quitando a todos os veciños que nos votaron”, sinala. Pola súa banda, Iván Roca tamén aposta por manter o respecto ao goberno local, pero non oculta que este debe ser recíproco: “O noso compromiso é co diálogo e a cidadanía. Respectamos o alcalde porque así o decidiron os veciños”.

Facer que Oleiros continúe medrando

Dende o Partido Popular destacan a necesidade urxente que ten Oleiros de repoñer os canos da rede de abastecemento de auga, xa que están compostas de fibrocemento o que supón un risco para a saúde dos veciños. “Presentan continuas roturas e fugas, o que leva tamén a perda da auga que nos chega dende á Coruña”, sinala Silva. Doutra banda, sinalan o atraso nas obras da Avenida de Santa Cristina, as cales deberían haber rematado a comezos de novembro e que continúan en fases atrasadas.  Tamén, indica a portavoz a falta dun plan de mobilidade adaptado as circunstancias actuais dos oleirenses e coordinado cos concellos limítrofes.

Pola súa banda, Carmen Acuña describe a realidade de Oleiros como “un espexismo” en aspectos de calidade de vida. “Tende a pensarse que Oleiros é un municipio rico polos seus parques e xardíns bonitos, pero por debaixo non hai un bo alcantarillado, e moita xente segue tendo fosas sépticas”, explica. Fronte ao crecemento poboacional, subliña a necesidade de dotar á veciñanza de servizos básicos: “Non podes poñer casas e familias se non lles facilitas acceso á auga, ao médico, ás escolas, ou se non constrúes estradas, parques infantís e centros de día”.

Tanto o PP como o PSOE coinciden nas críticas ao novo Multiusos de Bastiagueiro que o Concello esta a construír, unha obra valorada en case 12 millóns de euros. E, que agora se encarecera 2 millóns máis de euros, “e todo porque se lles “esqueceu” que por alí debaixo pasa un río”, apunta a portavoz socialista. O que supón un gasto extra que apuntan se reflexará nas facturas de todos os veciños ao longo do ano que ven.

Por último, Iván Roca advirte de que o modelo de desenvolvemento actual do Concello non é sostible. “Non queremos récords de licenzas de obra, predominio do vehículo privado, vivendas limitadas a períodos estivais ou gastos desorbitados en propaganda”, critica o voceiro do BNG. Tamén rexeita o crecemento descontrolado de grandes superficies comerciais, hoteis ou a masificación de motos e coches na Costa de Dexo, unha zona que considera desprotexida. Roca conclúe sinalando que o crecemento urbanístico debe ser equilibrado, respectando o medio ambiente e fomentando unha mobilidade máis sustentable: “A mobilidade, o medio ambiente, o urbanismo e a transparencia son áreas nas que Oleiros non pode seguir perdendo máis tempo”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17010593414307