A oposición fala en Arteixo

ACoruñaXa
O portavoz do PSOE, Martín Seco; o representante do BNG, Xurxo Couto; e a concelleira de Alternativa dos Veciños, Noelia Martínez expresan o labor da oposición no municipio coruñés
Oposición en Arteixo
De esquerda a dereita, Martín Seco (PSOE), Xurxo Couto (BNG) e Noelia Marínez (Alternativa dúas Veciños)
29 Dec 2024

Por Miriam García

A oposición en Arteixo está liderada por tres partidos políticos, o Partido Socialista, o Bloque Nacionalista Galego e Alternativa dos Veciños, que entre os tres suman cinco concelleiros, fronte aos catorce que ten o Goberno local do Partido Popular, polo que a oposición enfróntase a unha maioría absoluta que non lles permite, moitas veces, sacar adiante as súas mocións.

Con respecto ao Partido Socialista, Martín Seco sostén que sempre estivo vinculado á política a través da súa familia. Comezou a militar no partido con 17 anos e desenvolveu a súa carreira política en Vilalba (a súa vila natal), en Lugo, no Parlamento Galego e, finalmente, en Arteixo. Desde o ano 2011 exerce como concelleiro, cargo que na actualidade compaxina coa súa labor como voceiro do grupo socialista e co seu traballo na refinería de Meicende.

Xurxo Couto, do BNG, chegou desde Ferrol hai 25 anos por motivos laborais e decidiu asentarse no municipio coruñés. Vinculouse ao seu partido dende moi novo, motivado polas súas crenzas políticas, e, unha vez en Arteixo, achegouse á política local ata decidirse a formar parte dela como figura activa.

No caso de Noelia Martínez, portavoz de Alternativa dos Veciños, iniciou a súa traxectoria política na pre-campaña das eleccións municipais de 2019, cando aceptou formar parte da candidatura proposta por un grupo de veciños de Arteixo. Martínez explica que, malia a súa participación actual en Alternativa, sempre mantivo unha visión crítica co funcionamento interno dos partidos políticos e asegura que o seu obxectivo prioritario segue sendo defender os intereses da veciñanza no pleno municipal.

Fronte á maioría absoluta

O alcalde popular, Carlos Calvelo, lidera o Goberno local de Arteixo desde o ano 2011. Nas últimas eleccións municipais, celebradas en 2023, acadou unha maioría absoluta histórica, o que dificulta a actividade dos partidos da oposición no Concello. "Agora mesmo dende o Partido Socialista non temos unha boa relación co Goberno local. Penso que tantos anos no poder fixeron que o alcalde se sinta como se fose un Deus que pode facer e desfacer ao seu antoxo. Comportase coa oposición cun absoluto abuso de poder", explica Martín Seco.

Pola súa parte, Noelia Martínez sinala as dificultades existentes para manter unha relación de traballo efectiva dentro da corporación: "É moi difícil ter unha relación frutífera como compañeiros. Non todos traballamos coa liña de querer o mellor para o noso municipio e os nosos veciños". A voceira de Alternativa denuncia que algúns membros priorizan os seus intereses e os dos seus “amiguetes” empresarios por riba dos intereses de Arteixo e da súa veciñanza, o que, segundo ela, dificulta unha colaboración real dentro das formacións da corporación municipal.

Fronte a isto, o concelleiro do BNG, Xurxo Couto, critica a falta de diálogo do Goberno local coa oposición: “Nós nos plenos falamos con total honestidade, porque hai diferentes puntos de vista. Creemos que o Goberno local non ten a consideración coa oposición que debería ter. Non entendo que, aínda que teñamos poucos concelleiros, non se valore o noso papel como representantes da poboación”. Ademais, denuncia a falta de participación nos temas cruciais para o municipio, como os orzamentos: “Cando chegan os orzamentos, son os orzamentos do Goberno. Non hai conversa coa oposición para incluír propostas que permitan acadar unha unanimidade. Gobernan á súa imaxe e semellanza e non lles importa o que poida opinar a oposición. Voto de menos un Goberno que sexa realmente de todos”.

Pola súa banda, o socialista Martín Seco explica que o papel da oposición no Concello abrangue dúas vertentes fundamentais: "Por unha banda, propoñer melloras para o pobo que complementen ou melloren as actuacións do Goberno local. Por outra, exercer unha labor de fiscalización, asegurándonos de que o Goberno xestione os recursos públicos de forma adecuada e con total transparencia". Ademais, Seco subliña que esta tarefa de control non sempre é ben entendida por parte dos gobernos municipais.

Mentres, a voceira de Alternativa, Noelia Martínez, fai finca pé na importancia de que a oposición estea a pé de rúa. “O noso papel como forza da oposición é desenvolver un traballo construtivo en beneficio do municipio e dos nosos veciños, facer chegar ao pleno e ao equipo de Goberno todo aquilo que nos demanda a veciñanza na rúa”, sinala. Ao que o nacionalista Xurxo Couto engade que “facer oposición non se trata de dicir que todo está mal, é máis ben fiscalizar para que a xente poda ter unha vida mellor e un mellor nivel de vida”.

Facer de Arteixo un lugar mellor

Dende o Partido Socialista destacan a urxencia de dotar a Arteixo dunha nova residencia para maiores na zona norte do municipio. Segundo Martín Seco: "A Xunta debería ser a encargada de facer realidade esta nova residencia de anciáns. A única que temos no municipio, impulsada pola Fundación Amancio Ortega, está completamente saturada e conta cunha lista de agarda enorme". Ademais, Seco pon de manifesto a proposta do seu partido de crear a Casa das Artes no centro do municipio, co obxectivo de paliar a saturación do Centro Cívico Municipal: "Precisamos unha Casa das Artes para ampliar a escola de música, dotar de locais de ensaio e espazos creativos para artistas locais e entidades culturais, e tamén dispoñer dun novo auditorio".

O BNG, pola súa banda, aposta por defender a municipalización do servizo de axuda no fogar. “É o único recurso que queda para dar un bo servizo á veciñanza”, sinala Xurxo Couto. Entre outras das súas iniciativas atópase a mellora do servizo de recollida de lixo e a aprobación dunha subvención para que cada veciño poida solicitar placas solares cunha axuda municipal.

Por último, Noelia Martínez sinala que “o máis bonito de ser concelleira é cando loitas e acadas melloras que repercuten favorablemente na vida dos cidadáns, na vida dos teus veciños e veciñas”. Conclúe poñendo como exemplo as melloras conseguidas pola súa formación na Ría de Barrañán: “Grazas á nosa loita recolléronse as augas fecais que baixaban da Rúa Pedra da Area e ían directamente á ría”. Ademais, sinala as melloras na granxa porcina de Lañas, onde a situación irregular na que se atopaba non permitía aos veciños nin abrir as ventás das súas vivendas debido ao mal cheiro. “En conclusión, cando traballas e loitas sempre se conseguen cousas. Supón moito traballo e moito esforzo pero merece a pena”, remata Noelia.

0.15842485427856