A oposición fala: A Coruña

ACoruñaXa
Falamos con Miguel Lorenzo do Partido Popular e con Francisco Jorquera do Bloque Nacionalista Galego
opo-fala-corunha
16 Mar 2025

Por Amanda Fernández

O Concello da Coruña conta cunha oposición ao Goberno local conformada polo grupo municipal do Partido Popular e do Bloque Nacionalista Galego. Coñecemos de preto a Miguel Lorenzo, portavoz do Partido Popular e a Francisco Jorquera, portavoz do Bloque Nacionalista Galego.

Como se iniciaron na política e se vincularon aos seus respectivos partidos? No caso de Miguel Lorenzo (PP) estudou a carreira de Dereito con Alberto Núñez Feijóo e Carlos Negreira, que foi alcalde da Coruña entre 2011 e 2015. “Cando se presentou por primeira vez á Alcaldía chamoume para ir na súa lista porque ademais de coñecerme persoalmente, tamén sabía do meu labor como voluntario en entidades sociais como Padre Rubinos”, comenta xa que ata ese momento non tivera vinculación coa política, pese a que sempre lle interesou.

Francisco Jorquera (BNG) recoñece que se interesou na política desde moi mozo e viviu con moita intensidade o movemento estudantil nacionalista, en concreto no Instituto Zaleta. “No BNG milito desde a súa fundación, que foi precisamente na nosa cidade, en setembro de 1982”, traslada.

MIGUEL LORENZO (PP)

O popular Miguel Lorenzo desde 2007 forma parte da política local da Coruña, ano no que foi elixido concelleiro. En 2011, tras a vitoria do PP nas municipais, asumiu a responsabilidade dos Servizos Sociais municipais. Posteriormente, en 2015, foi elixido deputado no Congreso e despois senador, dende onde seguiu traballando en defensa dos intereses da cidade. En 2022, retomou o seu cargo como concelleiro, asumindo ademais a portavocía do grupo municipal e converténdose en candidato á Alcaldía.

Para Lorenzo o papel da oposición no Concello fundaméntase en dúas cuestións. Primeiro, no control e a fiscalización do labor do Gobierno municipal. Segundo, en denunciar e trasladar ao Goberno municipal mediante iniciativas (preguntas, mocións, rogos, etc) os problemas e inquedanzas dos veciños e asociación tras escoitalos. Máis alá do caso concreto da Coruña, sostén que a oposición en calquera concello debe priorizar os intereses dos cidadáns sobre calquera outra consideración.

Traslada que o PP da Coruña conta cun amplo número de comisións sectoriais e de comités de barrio que son os ollos e os oídos do Grupo municipal. “Traballamos xuntos e de forma coordinada para atender as necesidades dos nosos veciños e así poder achegar solucións aos seus problemas. Somos unha maquinaria ben engraxada que permite que o Partido Popular sexa o máis apoiado polos coruñeses cos seus votos elección tras elección porque somos o partido que mellor os defende e que mellor os representa”, comenta.

Os seus obxectivos políticos pasan por alcanzar a Alcaldía da Coruña para gobernar con independencia de ideoloxías e priorizando o benestar da ciudadanía: “Resolvendo os seus problemas, axudando a quen o está pasando mal, adoptando medidas que permitan aos mozos facer o seu proxecto de vida na nosa cidade cun vivenda digna e un emprego de calidade para que non teñan que irse”.

Se o Partido Popular chegase ao Goberno municipal, Lorenzo comprométese a liderar unha administración centrada nos coruñeses, caracterizada polo diálogo constante con todos os sectores da cidade. Destaca que un dos seus obxectivos sería rematar co abandono dos barrios, atender as necesidades reais da veciñanza e garantir que os compromisos adquiridos se cumpran. Lorenzo sostén: “A Coruña debe de volver despegar, como dicía aquel lema de finais dos oitenta que marcou o inicio dunha época de esplendor na cidade. A Coruña era entón unha cidade de oportunidades e debe volver selo”.

Sobre as relacións co equipo de Goberno indica que no plano persoal son correctas: “Sorprendería por aquelas persoas polas que teño un sincero afecto. No plano da política o máis triste é que non hai relación, no nos chamaron en seis anos para ningún tema de cidade a pesar dos nosos ofrecementos”. Fai fincapé en que son un partido que demostraron que nos “temas máis importantes (novo hospital, intermodal, etc) aprobáronse grazas ao noso voto”. Á hora de destacar algo positivo Miguel Lorenzo sobre o equipo de Goberno actual di que o deixar de poñer trabas aos grandes proxectos da Xunta na cidade. “Hai que dicir que a Alcaldesa é moi xenerosa cos tempos de intervención das voceiras nos plenos”, engade.

FRANCISCO JORQUERA (BNG)

O portavoz do grupo municipal do BNG, Francisco Jorquera, acompaña á política local tamén desde mozo, como parte moi relevante da política de ámbito galego. Dende o punto de vista institucional, participou na política local de A Coruña de forma directa desde que se incorporou a María Pita como portavoz do grupo municipal do BNG despois das eleccións de 2019.

Traslada que tal e como o concibe o BNG, o papel da oposición, é o de control e impulso da acción do Goberno local, sempre poñendo por diante os intereses das coruñesas e coruñeses. Jorquera defíneo como un “rol fiscalizador, de crítica do que non se fai ben, mais tamén propositivo”. Fai fincapé: “De feito, non poucas das mellores cousas que ten feito o Goberno local, por máis que as fixesen con excesivas demoras, se deben a propostas do BNG”.

Así, considera que o seu partido axuda a mellorar a vida na cidade escoitando o “moi rico tecido cívico da cidade e trasladando as súas propostas e demandas”. Logo, ofrecendo un proxecto á veciñanza “claramente alternativo” ao do actual Goberno local, que destaca, “non se caracteriza por escoitar e atender as veciñas e veciños”.

Comprometido coa súa cidade, fai un repaso polas principais liñas do programa do BNG na Coruña: “As principais liñas van precisamente na dirección de lograr que A Coruña exprese o seu potencial en todos os campos, desde o económico até o cultural pasando polo paisaxístico ou o patrimonial”. Queren unha Coruña para vivir e para traballar, que lidere a futura Área Metropolitana e que sexa motor económico da Galicia e do norte da “eurorexión Galiza-Norte de Portugal”.

E á vez queren e procuran “unha cidade modelo de calidade urbana”, cunha mobilidade sustentábel baseada no transporte público e cunha política de vivenda pública que afronte con decisión “a crise habitacional que padecemos”. Demandan unha Coruña verde e limpa que non envíe os seus residuos a queimar e que aposte pola reciclaxe e reutilización. Remata Jorquera expoñendo: “Unha cidade que combata as desigualdades sociais, crecentes nos últimos tempos, e acabe coa diferenza entre barrios ricos e barrios empobrecidos. Queremos unha Coruña que, orgullosa e consciente da súa historia e da súa lingua, sexa a capital cultural da Galiza, cun Goberno local que sexa o mellor aliado dos nosos creadores e creadoras”.

Recoñece que o BNG practica o diálogo e as súas relacións dende o punto de vista persoal son boas non só co Goberno local, tamén co outro grupo da oposición en María Pita. Xa no plano político, destaca que é certo que non confían neste momento no goberno de Inés Rey. “Como se acaba de ver no debate da cuestión de confianza, está en franca minoría na Corporación”, indica Jorquera.

Entre as necesidades da vila, o portavoz do BNG, expón que está o afrontar con decisión a crise habitacional, “poñendo en práctica unha política de vivenda pública digna de tal nome desde o Concello e instando a Xunta -a administración que ostenta as principais competencias na materia- a facer por fin os seus deberes na nosa cidade”.

Á marxe da vivenda, A Coruña ten que liderar a articulación da Área Metropolitana para desde ela resolver problemas como a “mobilidade ou mesmo o tratamento de residuos sólidos urbanos”. Do resto, traslada que o Concello debe pór fin á precariedade en que se achan os contratos dos principais servizos públicos que presta á veciñanza, desde o do transporte urbano até o da planta de Nostian. Conclúe: “Temos por diante o desafío do deseño da nova fronte marítima, un deseño que debe garantir o mantemento do porto como motor económico da Coruña e a titularidade dos espazos públicos, coa esixencia da condonación da débeda por parte do Estado”.

Xa para rematar, Jorquera fai fincapé en que na Coruña hai un “goberno monocolor en minoría porque así o decidiu desde o primeiro momento o PSOE”. Neste punto lembra que desde o primeiro intre: “O BNG tamén mostrou a súa disposición ao diálogo e por iso asinamos un Acordo de Investidura e, posteriormente, un acordo sobre os orzamentos de 2024. Infelizmente, o Goberno local incumpriu a maior parte dos compromisos contidos neses acordos e por iso estamos na actual situación”.

⚙ Configurar cookies
0.078451156616211