A oposición do Concello da Coruña valora os Orzamentos para 2025

ACoruñaXa
O BNG indica que carecen de credibilidade e o PP que son "máis do mesmo"
BNG Coruña pleno 18 diciembre
31 Jan 2025

O Concello da Coruña vén de presentar o proxecto de Orzamentos Municipais para 2025 e a oposición emitiu a valoración. Nunha primeira avaliación de urxencia do proxecto de orzamentos municipais para 2025, o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, sinalou que as contas presentadas polo Goberno local non contan co respaldo de ningún grupo da oposición e carecen de credibilidade.

“O proxecto non é crible, non conta co apoio de ningún grupo e, ademais, é o primeiro desde 2016 no que se prescinde da participación cidadá na súa elaboración”, destacou Jorquera.

Ao non cumprirse boa parte das previsións orzamentarias de 2024, moitas delas trasládanse agora aos orzamentos de 2025. “Anunciáronse para este exercicio múltiples actuacións que non se executaron e que agora se volven anunciar, como o plan de barrios, o mercado e o centro de saúde e cívico de San Lucía, melloras nos centros cívicos e equipamentos culturais -Domus, Fórum, Teatro Rosalía-, as bibliotecas de Novo Mesoiro e Palavea ou o Parque de Monte Martelo”, indicou Jorquera.

O Partido Popular, pola súa banda, cualifica o proxecto de orzamentos como "máis do mesmo". O seu portavoz, Miguel Lorenzo, critica que se repiten investimentos doutros anos sen que se executen as actuacións previstas. "Para este viaxe non fan falta estas alforxas, porque non son capaces de executar o que recadan", afirmou.

Lorenzo denuncia que se manteñen proxectos anunciados en exercicios anteriores sen avances significativos, como o mercado de Santa Lucía, a biblioteca de Novo Mesoiro ou as dependencias municipais na Fábrica de Tabacos. Ademais, insiste en que o goberno local continúa a subir impostos sen que isto se traduza en melloras para a cidadanía.

"A documentación do orzamento reflicte que no peche do exercicio de 2024 quedaron sen executar 80 millóns de euros en investimentos para os barrios, e un de cada catro euros do orzamento total do Concello. Non son capaces de gastar o que recadan", concluíu Lorenzo.

 

0.16157484054565