A OMIX de Cambre prepárase para un abril de película con proxeccións, maratóns e coloquios

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Cambre convertirá abril nun mes dedicado ao cine. Casa Palmeiras acollerá unha programación especial que incluirá proxeccións, un maratón de películas e charlas-coloquio, brindando á mocidade a oportunidade de reflexionar sobre cada obra.
O calendario de actividades arrancará este venres, 4 de abril, ás 18.00 horas cunha xornada clave na que os propios participantes escollerán as películas que desexan ver. A intención da organización é que a selección final inclúa opcións en galego, filmes de animación e tamén algunha proposta de cine mudo.
As películas elixidas proxectaranse os días 11 e 25 de abril, en horario de 18.00 a 20.00 horas. Ademais, a OMIX organizará un auténtico maratón cinematográfico os días 14, 15 e 16 de abril, cunha dobre sesión de mañá e tarde, de 12.00 a 13.30 e de 18.00 a 19.30 horas.
Esta iniciativa busca fomentar o interese polo cine entre a mocidade e crear un espazo de encontro para compartir e analizar diferentes perspectivas audiovisuais.