A oleirense Alba Porto López, campioa galega cadete de dúatlon cros en Vimianzo

A deportista oleirense Alba Porto López proclamouse campioa galega na categoría cadete de dúatlon cros tras a súa actuación no XVII Dúatlon de Reis do Concello de Vimianzo, disputado o domingo 11 de xaneiro. Porto López, veciña de Oleiros, foi a máis rápida entre as cadetes e completou a proba supersprint cun rexistro de 42:26.
O seu resultado permitiulle ademais entrar no podio absoluto feminino da modalidade, ao rematar terceira na xeral. A vitoria foi para Leire García Pico (40:06), seguida de Cristina Martínez Senra (40:35).
A competición desenvolveuse nunha mañá moi esixente pola meteoroloxía, con precipitacións continuadas que endureceron o percorrido e converteron algúns tramos nun auténtico lameiro. Preto de 200 deportistas participaron nesta edición, que contou coa supersprint con saída ás 9.30 horas e coa estándar ás 11.30 horas.
No formato supersprint, o Campionato Galego disputouse para as categorías cadete, xuvenil e júnior, sobre un trazado de 1,8 quilómetros de carreira a pé, 9,8 quilómetros en bicicleta de montaña e 0,8 quilómetros finais de carreira.
Como é habitual, a organización completou a xornada coa entrega de trofeos e co clásico chocolate quente e roscón de Reis para pechar unha mañá de deporte na Terra de Soneira.