A obra Tromsø chega ao García Márquez este sábado en Oleiros


O auditorio Gabriel García Márquez acolle este sábado 15 de novembro ‘Tromsø’, a nova peza da compañía Morraoconto. A función será ás 20.30 horas e as entradas, a 6 euros, están dispoñibles en liña e tamén na billeteira desde unha hora antes do inicio.
Con autoría e dirección de Rafa Martínez e a dirección de movemento de Esther Latorre, ‘Tromsø’ propón unha reflexión luminosa e chea de humor arredor da perda, do que se apaga e do que renace tras o dó. A obra debuxa unha viaxe polos mares do norte, entre fiordos e cardumes de arenque, co canto das candorcas rachando o silencio da aurora boreal.
Redescena
Trátase dun espectáculo multidisciplinar que combina teatro, danza e música en directo. O elenco intégrano Miguel Gendre, Lara Pouso e Lidia Veiga, co acompañamento en escena de Julia Ammerman ao piano e Lucía Iglesias ao violonchelo. A creación plástica e a iluminación asinaas José Faro ‘Coti’, mentres que o vestiario é de Morraoconto e Ana Gesto. A duración é de 80 minutos e o espectáculo pode representarse en galego ou en castelán.
Redescena
A montaxe está recomendada para maiores de 16 anos e figura como comedia na ficha artística, sen renunciar á emoción. A función deste sábado en Mera forma parte da programación da Rede AGADIC do segundo semestre de 2025.