A obra 'Papel 2.0' chega a Sada e Oleiros para concienciar contra o acoso escolar nas aulas

A Deputación da Coruña pon en marcha unha nova proposta educativa e cultural para previr o acoso escolar a través do teatro. Entre o 12 e o 16 de xaneiro, alumnado de seis centros de ESO da provincia asistirá ás representacións de 'Papel 2.0', un espectáculo da compañía Ventrículo|Veloz pensado para promover a reflexión crítica e abrir diálogo sobre o bullying.
A xornada con maior presenza na comarca será o martes, 13 de xaneiro, cando a obra se representará en dous institutos: ás 9.30 h no IES Isaac Díaz Pardo, en Sada, e ás 13.00 h no IES María Casares, en Oleiros. Dúas paradas que buscan achegar unha mensaxe directa á mocidade, cunha linguaxe próxima ás súas referencias cotiás e ao seu contexto dixital.
Escrita e dirixida por Jose Padilla, 'Papel 2.0' aposta por humor ácido e ritmo áxil para abordar unha realidade aínda presente nos centros educativos. A partir dun xesto en aparencia pequeno (o lanzamento de rolos de papel hixiénico nunha aula), a peza constrúe distintas escenas que amosan como se pode trivializar o acoso desde múltiples miradas: o propio alumnado, as familias, o profesorado, os medios e as redes sociais. O texto incorpora referencias a TikTok, Fortnite, cultura gamer, memes e streaming para interpelar ao público adolescente e provocar unha experiencia tan lúdica como incómoda.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, subliñou que a iniciativa se insire no compromiso da institución para favorecer a erradicación de condutas de acoso, empregando a cultura como ferramenta de concienciación. Pola súa banda, a deputada de Educación, Yoya Neira, insistiu en que a loita contra o bullying debe ser unha prioridade compartida e que proxectos como este axudan a identificar situacións, reflexionar sobre elas e rexeitalas desde a empatía e o respecto.
Cada función terá unha duración aproximada de 50 minutos e completarase cun coloquio posterior co elenco, no que o alumnado poderá compartir impresións e experiencias, reforzando o carácter participativo da actividade.
Calendario das representacións
- Luns, 12 de xaneiro: Neda, IES Fernando Esquío, 11.00 h
- Martes, 13 de xaneiro: Sada, IES Isaac Díaz Pardo, 9.30 h
- Martes, 13 de xaneiro: Oleiros, IES María Casares, 13.00 h
- Mércores, 14 de xaneiro: Carballo, IES Alfredo Brañas, 11.30 h
- Xoves, 15 de xaneiro: Oroso, IES de Oroso, 10.30 h
- Venres, 16 de xaneiro: A Pobra do Caramiñal, IES A Pobra do Caramiñal, 10.30 h