A obra 'Os dous de sempre. O retorno' chega a Arteixo e Sada

ACoruñaXa
O venres no Auditorio do Centro Cívico e Cultural de Arteixo e o domingo na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada
ARTEIXO teatro os dous de sempre
22 Oct 2025

A xira de 'Os dous de sempre. O retorno' aterra na contorna coruñesa con dúas oportunidades para reencontrarse co humor elegante —e un chisco salvaxe— de Mofa & Befa. O venres 24, ás 20.30, o dúo subirá ao escenario do Auditorio do Centro Cívico e Cultural do Concello de Arteixo, con entradas á venda en online. Dous días despois, o domingo 26, ás 19.00, o espectáculo chega á Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada, cun pase gratuíto ata completar aforo.

Nesta nova proposta, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira volven poñerse na pel de Pedriño e Rañolas, dous personaxes antagónicos e inseparables popularizados por Castelao. A peza mergúllase no universo satírico e popular do rianxeiro, combinando humor negro, tenrura e retranca para retratar, a través destes dous amigos opostos, as luces e sombras dunha Galicia de onte que conversa coa de hoxe.

O espectáculo bebe da tradición dos bufóns, do circo e do cinema mudo, sinais de identidade do propio dúo Mofa & Befa, e propón un retábulo áxil de escenas nas que o idealismo de Rañolas choca co conformismo larpeiro de Pedriño. Ese contraste é o motor da comedia e tamén un espello social, presentado con ritmo, fisicidade e moita complicidade co público.

⚙ Configurar cookies
0.073757171630859