A obra ‘Kyoki’ da compañía galega Elefante Elegante participará no FETEN 2024

ACoruñaXa
A obra de teatro galega, que amosa ao público infantil unha ollada diferente do alzhéimer, 'Kyoki’, poderá verse en sesión dobre o xoves 29 de febreiro no festival de Xixón
KYOKY-_A9A5807© Vanessa Rabade
5 Feb 2024

'Kyoki', o último espectáculo da compañía de teatro físico Elefante Elegante, vén de ser seleccionado para participar en FETEN 2024 (Feria Europea de Artes Escénicas para Niños y Niñas), un dos encontros máis importante do sector que se celebra anualmente en Xixón.

A nova peza dos creadores María Torres e Gonçalo Guerreiro vaise representar o vindeiro 29 de febreiro no Centro de Cultura Antiguo Instituto na cidade asturiana nunha sesión doble. 'Kyoki' forma parte dos 76 espectáculos elixidos entre as máis de 800 propostas recibidas en FETEN na súa 33ª edición. Ademais de Elefante Elegante, outra compañía galega, Nauta Teatro, vai participar tamén na feira que se desenvolverá entre o 25 de febreiro e o 1 de marzo na cidade asturiana.

Para a súa creadora e protagonista, María Torres, participar en FETEN supón “unha valiosa oportunidade para amosarmos o traballo da compañía nun escaparate que concentra a boa parte dos programadores nacionais e internacionais”. Espera tamén que sexa “un pulo para a promoción exterior de Elefante Elegante” que lles permita reforzar aínda máis os vínculos con Portugal e repetir experiencias como as actuacións en Colombia no Festival Internacional de Teatro de Manizales e no Festival San Ignacio Comfama de Medellín ou a do Licht Blicke Festival de Nuremberg en Alemaña.

'Kyoki' é outra olla sobre o alzhéimer

O fío conductos de 'Kyoki' é o alzhéimer desde unha perspectiva poética e cómplice, unha viaxe emotiva da infancia á vellez a través da memoria; unha obra de linguaxe xestual cómica e reflexiva sobre o esquecemento e a soidade.

Protagonizada por María Torres, baixo a dirección de Gonçalo Guerreiro, 'Kyoki' -palabra que significa “demencia” en xaponés- é unha creación destinada ao público infantil e familiar a partir dos 5 anos. Trátase dun espectáculo sen palabras que reúne artes do movemento, artes plásticas e unha rigorosa sintonía dos xestos coa música instrumental orixinal.

Na historia están presentes tres personaxes a avoa, a súa filla e unha doutora, todas elas representadas pola actriz protagonista. O espazo escénico está construído para evocar ao mesmo tempo unha casa, un hospital e a rúa. Deseñada para funcionar como o lenzo dun pintor, a escenografía é un fondo estético que pouco a pouco é habitado polo corpo da intérprete e polos obxectos por ela manipulados, co obxectivo de manter sempre viva unha composición pictórica xerada por formas, cores e movementos. O fondo azul con liñas que se cruzan de xeito irregular en ángulos rectos está dotado de varias aperturas camufladas, que permiten a entrada e saída de innumerables elementos escénicos, o que provoca suxestivos e reveladores efectos sorpresa.

 

0.1480700969696