A obra Especies invasoras de Branca Trigo Cabaleiro recoñecida no Premio de Poesía de Carral

ACoruñaXa
O certame de poesía en lingua galega nesta edición rexistrou unha participación récord de 100 obras
poesia-carral
9 May 2025

O Concello de Carral deu a coñecer a obra gañadora da 28ª edición do seu Premio de Poesía, que recaeu en Especies invasoras, da autora viguesa Branca Trigo Cabaleiro. O certame, que nesta edición rexistrou unha participación récord de 100 obras, consolídase como un dos principais referentes da poesía en lingua galega.

O xurado do premio, presidido polo alcalde de Carral, Javier Gestal, e co técnico de cultura Carlos Lorenzo como secretario, estivo composto tamén por figuras destacadas do ámbito literario galego como Silvia Penas, gañadora da edición de 2024; Armando Requeixo, crítico e investigador literario; e Antía Marante, poeta, tradutora e docente. Tras unha minuciosa avaliación das obras presentadas, o xurado decidiu outorgar o premio por unanimidade a Especies invasoras, que se presentou baixo o lema Magma.

O xurado eloxiou a obra gañadora, destacando que se trata de "un libro de poemas que explora de xeito radical a identidade, o desarraigo e a violencia estrutural", facendo uso da metáfora da invasión biolóxica para tratar temas tan profundos como o corpo, a casa e a memoria. Destacouse tamén a súa "estrutura fractal, a forza imaxinativa e a capacidade para fundir o íntimo e o colectivo nunha linguaxe poética profundamente innovadora e transgresora".

O Premio de Poesía Concello de Carral, dotado con 3.500 euros, tamén inclúe a publicación da obra por parte da editorial Espiral Maior. A entrega oficial do galardón terá lugar o venres 30 de maio na Casa da Cultura de Carral, nun acto no que tamén se presentará o libro A pel do exilio, de Silvia Penas, gañadora da edición anterior.

Este premio, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Cultura, acaba de recibir o terceiro premio “Rodolfo Prada á xestión cultural” outorgado pola Deputación de Ourense, recoñecendo así a súa traxectoria e impacto no panorama cultural galego.

Branca Trigo, voz transgresora da poesía galega actual

Branca Trigo Cabaleiro (Vigo, 1997) é unha das voces máis transgresoras da poesía galega contemporánea. Poeta, editora e dinamizadora cultural, codirixe Edicións Malafera, onde publicou os libros Coñecemento do Medo e trans0, así como varios fanzines. É tamén autora do poemario Condolore e participou en diversas publicacións colectivas como Alguén nos lembrará ou Gótico Urbano.

Trigo traballa na intersección entre a poesía e outras artes a través de proxectos como Poetry Sniping: Simulacro, xunto ao artista Pablo Rodríguez, ou accións en directo coa pintura de Ramón Trigo. Ademais, organiza o micro aberto Cerimonia de Gaivotas e coordina obradoiros de creación en espazos culturais e educativos. Actualmente, realiza a súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo, centrada na monstrosidade queer dentro da poesía galega contemporánea.

⚙ Configurar cookies
0.16412806510925