A obra 'As gardiás ou o nó do tecelán' pecha o ciclo de teatro de outono en Oleiros

ACoruñaXa
A montaxe de Teatro de Ningures, dirixida por Cristina Rodríguez, representarase o sábado 22 de novembro ás 20.30 horas no auditorio Gabriel García Márquez, con entradas a 4 euros
AS GARDAS
19 Nov 2025

O ciclo de teatro de outono do Concello de Oleiros despedirase este sábado 22 de novembro coa representación de 'As gardiás ou o nó do tecelán', da compañía Teatro de Ningures. O espectáculo, texto do dramaturgo Nasser Djemaï e dirección de Cristina Rodríguez, subirase ao escenario do auditorio Gabriel García Márquez ás 20.30 horas.

A peza afonda no dereito a decidir sobre como queremos xestionar a nosa propia vellez. No humilde piso de Rosa, situado nun vello edificio dun barrio popular dunha vila obreira, conviven catro mulleres maiores que se organizan para manter a súa autonomía. Rosa, que se despraza en cadeira de rodas, comparte fogar con Ana, Marga e Susana, todas elas antigas operarias da industria téxtil e decididas a conservar a súa independencia e o seu modo de vida.

Cando Vitoria, a filla de Rosa, lle propón ingresar nunha institución médica e vender o apartamento familiar, ábrese un conflito entre dúas visións distintas sobre o que significa envellecer en boas condicións. Fronte aos plans de Vitoria, as protagonistas reivindican o seu dereito a seguir vivindo xuntas e en liberdade, e deseñan diversas estratexias para convencela de que a súa é a opción máis digna e respectuosa.

O espectáculo está recomendado para público adulto, a partir de 16 anos. As entradas teñen un prezo de 4 euros. A venda anticipada realízase a través da plataforma electrónica giglon.com, mentres que na billeteira do auditorio poderán adquirirse desde unha hora antes do inicio da función. O pagamento na billeteira realizarase unicamente con tarxeta bancaria.

CARTEL-AS-GARDIAS-web-bb6030e6 (1)
⚙ Configurar cookies
0.074931144714355