A nova tempada da liga ACT de traiñeiras comeza este sábado 29 de xuño na praia de Riazor
O xoves presentouse o programa da primeira xornada das competicións ACT de traiñeiras, que arrincarán este sábado na Coruña coa disputa da VIII Bandeira Cidade da Coruña, en categoría masculina, e da VII Bandeira Cidade da Coruña, correspondente á categoría feminina.
No acto de presentación, celebrado na Coruña, contou co concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, quen acompañado por Marian Bernal, responsable da área de Márketing da ACT, e polo concelleiro de Deportes, Manuel Váz quez, celebrou o regreso desta disciplina deportiva ás augas da Coruña, que xa o pasado verán deu o comezo á tempada de traiñeiras, ao igual que este ano. O concelleiro apuntou ao impacto positivo que ten a disputa das bandeiras na cidade, "porque supón un gran aliciente deportivo para A Coruña e, en paralelo, amosa a nosa capacidade para acoller, ano tras ano, grandes eventos". A cita forma parte dos eventos deportivos promovidos polo Goberno de Inés Rey durante o calendario estival.
''Estamos contentas por volver un ano máis á cidade da Coruña. Con este xa son oito os anos nos que as mellores tripulacións do remo de banco fixo bogan en augas de Riazor. Un campo de regatas épico que é un referente para a ACT'', destacou Bernal.
Cómpre lembrar que Galicia ten unha notable representación a escala de clubs na ACT. Na Eusko Label Liga, competición masculina, loitarán polo título 12 equipos: Bermeo Urdaibai, Zierbena Bahías de Bizkaia, Orsa Hondarribia, Amenábar Donostiarra, Orio Orialki, Getaria, Lekittarra Elecnor, Kaiku Berez Galanta, Ondarroa Kide, San Pedro - Harri e, xa finalmente, as embarcacións de Bueu e Cabo de Cruz.
Na Euskotren Liga, competición feminina, enfrontaranse oito traiñeiras. Seis, con bandeira vasca: Arraun Lagunak, Donostiarra, Hibaika, Hondarribia, Orio e Tolosaldea. As outras dúas son galegas: Cabo de Cruz e Tirán.
O sorteo das eliminatorias realizouse este xoves no Palacio Municipal de María Pita
O cadro final de competición previsto este sábado 29 sorteouse en directo esta mañá no Palacio Municipal de María Pita.
A primeira tanda da Euskotren Liga, que comezará ás 17.25 estará composta por SD Tirán Pereira, Donostia Arraun Lagunak, CR Cabo da Cruz e Orio Orialki. A segunda tanda, que se iniciará ás 17.48, polo seu lado, a completarán Tolosaldea Arraun Kluba, Hibaika Jamones Ancin, Hondarribia Bertako Igogailuak e Nortindal Donostiarra.
A competición masculina comezará ás 18.21 e a primeira tanda da Eusko Label Liga a comporán San Pedro-Harri, Orsa Hondarribia, Kaiku Berez Galanta y Lekittarra Elecnor. As seguintes catro embarcacións que tomarán a liña de saída serán Zierbena Bahias de Bizkaia, CR Cabo da Cruz, Amenabar Donostiarra e Orio Orialki, ás 18.50. Por último, os participantes da terceira tanda comezarán a traballar ás 19.19 e os que pechen a xornada serán CM Bueu-Simei, Ondarroa Kide, Bermeo Urdaibai e Getaria.
Tras A Coruña, as traiñeiras competirán en Bueu
A celebración do trofeo Bandeira Cidade da Coruña prevista este sábado 29 na cidade herculina será a primeira parada da minixira galega que levarán a cabo os clubs que compiten esta tempada nas ligas de traiñeiras.
Neste sentido, este domingo 30, e unha vez que rematen as probas na Coruña, os equipos disputarán a segunda xornada en augas do concello pontevedrés de Bueu. O calendario de competición continuará a primeira fin de semana de xullo no País Vasco, na cidade de Donosti e o municipio de Zierbena.