A nova rotonda de O Burgo entra en servizo para mellorar a circulación e a seguridade viaria

ACoruñaXa
A actuación, ligada á apertura dun novo centro comercial, inclúe pasos elevados, nova iluminación LED ou mobiliario urbano
rotonda-burgo
12 Jun 2025

A nova rotonda situada na intersección da AC-213 coas rúas Pablo Picasso, Antonio Machado e Pintor Tim Behrens, en O Burgo, xa está operativa. A infraestrutura, promovida polo Concello de Culleredo e asumida pola empresa promotora do novo centro comercial que abrirá este venres, busca ordenar e mellorar a circulación nun dos puntos con maior carga de tráfico do municipio.

Os operarios acometen o asfaltado da calzada e, nos próximos días, realizarán o pintado da sinalización horizontal. A glorieta conta cun diámetro exterior de 30 metros, cun único carril de circulación de 8 metros de ancho e un arcén exterior de 20 centímetros. O espazo interior será practicable para vehículos de gran tamaño, favorecendo así a súa manobrabilidade, e incluirá unha isleta central axardinada de 10 metros de diámetro.

O alcalde, José Ramón Rioboo, sinalou que “con esta infraestrutura melloraremos un problema importante xerado polas incorporacións e cambios de sentido” nesta intersección. Tamén destacou que o deseño da rotonda está en liña coas actuacións de rexeneración urbana que o Concello está a desenvolver na zona.

A intervención completarase con actuacións de mellora da seguridade viaria. Construirase un novo paso de peóns elevado na antiga AC-213, á altura do local ‘El Hoyo’, que xunto co xa existente, flanquearán a nova rotonda. Estes pasos elevados obrigarán aos vehículos a reducir a velocidade, incrementando a seguridade para os peóns. Manteranse, ademais, os pasos das rúas adxacentes.

Tamén se reordenará o estacionamento na rúa Pablo Picasso, conservando practicamente o número de prazas actual, e dotarase o entorno dun novo sistema de iluminación pública con tecnoloxía LED, que mellorará a visibilidade, especialmente nos pasos de peóns.

A infraestrutura complétase coa reconfiguración do sistema de recollida de augas pluviais, mediante a instalación de novos sumidoiros e a reubicación dos colectores ao longo da AC-213. Inclúese tamén novo mobiliario urbano e plantacións autóctonas, contribuíndo a mellorar a estética e fomentar o tránsito peonil na zona.

⚙ Configurar cookies
0.16157412528992