A nova rotonda das Rañas xa está aberta ao tráfico

ACoruñaXa
Co obxectivo de mellorar a mobilidade e reforzar a seguridade viaria na contorna
rotonda-rañas-coruña
27 Jan 2025

Abre ao tráfico a nova rotonda das Rañas, unha infraestrutura construída polo Concello da Coruña na estrada que conecta O Martinete e Monte Patelo baixo a AC-14, co obxectivo de mellorar a mobilidade e reforzar a seguridade viaria na contorna do núcleo poboacional das Rañas.

Os traballos, que supuxeron un investimento de máis de 330.000 euros, remataron ao longo da semana pasada, cando se atenderon os últimos detalles referentes ao pintado da sinalización horizontal tanto nos aneis da glorieta como nos accesos a ela. Desta forma, xa foi posible habilitar o paso de vehículos con total normalidade.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, destacou o cambio en positivo que supón a construción da glorieta en troques da configuración previa que había no cruzamento das Rañas, exposto habitualmente ao paso de vehículos pesados por ser un percorrido clave entre os polígonos de Pocomaco, Agrela e as superficies comerciais de Marineda City. “A rotonda mellora substancialmente a fluidez do tráfico rodado e, coa creación dos novos pasos peonís en elevación, tamén a seguridade e visibilidade das peoas e dos peóns”, apuntou.

Díaz puxo en valor que co plan de actuacións nas Rañas, que incluíu a construción de novos treitos de beirarrúa nos accesos ao núcleo residencial e tamén a renovación das luminarias dispostas á beira da estrada, “o Goberno de Inés Rey dá resposta ás necesidades da veciñanza, coa que seguiremos a traballar para acometer medidas que melloren a súa calidade de vida no día a día”.

O Concello da Coruña traslada que esta actuación nas Rañas se levou a cabo baixo un formato de cofinanciamento entre o Concello e a Deputación da Coruña, ao abeiro do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais (POS).

0.16825008392334