A nova área verde de Someso toma forma tras a iniciativa veciñal nos Orzamentos Participativos de 2023

ACoruñaXa
O Concello inicia as obras na parcela da rúa Lamelas, entre o CIFP Someso e Espacio Coruña, cun investimento de máis de 100.000 euros, nun proxecto impulsado pola veciñanza da zona
A CORUÑA carril bici someso
20 Jan 2026

O barrio de Someso está máis preto de contar cunha nova área de esparexemento e zona verde a carón da rúa Lamelas, nunha parcela de máis de mil metros cadrados situada entre o CIFP Someso e o centro comercial Espacio Coruña. O Concello da Coruña prevé iniciar nos vindeiros días as obras, incluídas na primeira fase do Plan de Barrios 2025-27 e cun investimento superior aos 100.000 euros.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, explicou que a intervención busca recuperar un espazo en desuso e transformalo nunha zona de lecer e estancia para a veciñanza. O proxecto, redactado polo arquitecto Óscar Valcuende e adxudicado a Jardinería Arce, inclúe pavimentación, instalación de mobiliario urbano, xardinería e a creación dunha rede de subministro de auga potable para abastecer unha fonte. Tamén se delimitará unha área de xogos infantís con columpios e xogos pintados no chan, como unha mariola.

Desde a asociación veciñal Sector 7 lembran que a actuación naceu como proposta do barrio nos Orzamentos Participativos de 2023. A entidade agradeceu publicamente a colaboración da veciñanza e o apoio recibido durante meses de campaña de votos e de divulgación, así como as facilidades para instalar unha urna no barrio e para habilitar un punto informativo. Segundo a asociación, o obxectivo era gañar unha zona pública necesaria nun ámbito con pouca superficie de espazos comúns, co compromiso de seguir mellorándoos paso a paso.

O Concello informou de que este luns se asinou a acta de replanteo, trámite previo habitual antes do comezo dos traballos. Se todo vai segundo o previsto, ao longo desta semana serán visibles os valados perimetrais e a cartelería informativa da obra.

someso parque
⚙ Configurar cookies
0.080024003982544