A Noite Rock e a Noite Rap abrirán as Festas de Sada 2025 con dous carteis de altura

Sada xa quenta motores para as súas festas grandes e faino anunciando dous dos eventos máis esperados da programación: a Noite Rock e a Noite Rap, que se celebrarán os días 9 e 10 de agosto respectivamente. Ambas citas, organizadas polo Concello de Sada, reunirán artistas locais e figuras recoñecidas do panorama estatal nunha fin de semana que promete diversidade, potencia musical e moita enerxía.
Sábado 9: O espírito do rock tomará Sada
O sábado 9, a partir das 21.30 horas, o paseo marítimo sadense vibrará ao son das guitarras coa Noite Rock. Abrirá a xornada Overlook 237, banda local formada por Charlie, Joey, Chamán, Rivers e Rustu, cun directo cargado de forza no que mesturan o rock con referencias ao cine de terror e á ciencia ficción. Levan desde finais de 2018 actuando e prometen unha apertura contundente.
O relevo collearao Malaputa, o proxecto persoal de Eduardo Beaumont “El Piñas”, coñecido por ser baixo e segunda voz da emblemática banda Marea. Acompañado por Kolibrí Díaz (tamén membro de Marea) e o batería Eugenio Ubasos, Malaputa traerá un son potente que conecta directamente coas raíces do rock navarro.
Pechará a noite La Gripe y Tú, banda que mantén viva a esencia de Platero y Tú cunha formación que inclúe dous dos seus membros orixinais: Jesús García e Juantxu Olano. Xunto a Txema Olabarri e Fran Malanoche, ofrecerán un directo fiel ao espírito da histórica banda vasca. Segundo sinalan desde a organización, "hoxe en día, o máis cerca que estarás de volver a escoitar a Platero".
Domingo 10: O rap toma o relevo
O domingo 10 será a quenda do rap galego e estatal cunha Noite Rap que tamén se desenvolverá no paseo e que comezará ás 22.30 horas. En primeiro lugar actuará Habló Pablo, un dos nomes emerxentes máis interesantes do xénero. Co seu novo proxecto nacido en 2022, combina o rap coa poesía slam, nun formato innovador que se afasta da súa etapa anterior, cando fora recoñecido como “mellor artista rap independente español”.
Ás 23.30 chegará a actuación estelar de Arce, un dos artistas máis seguidos do panorama urbano en lingua hispana. Nado en Compostela no ano 1990, Arce atopou na música un refuxio persoal e unha plataforma creativa coa que conseguiu posicionarse como un dos nomes clave do xénero. Con millóns de reproducións en plataformas dixitais e vídeos entre os máis vistos en YouTube, será o encargado de pechar unha fin de semana de celebración con rimas e versos afiados.
Estas dúas noites marcan o inicio dunha nova edición das Festas de Agosto de Sada, que volverán apostar por unha programación diversa, aberta a todos os públicos e comprometida coa calidade artística.