A natureza e a memoria etnográfica únense nun novo Andares por Galicia con destino ao Forgoselo

ACoruñaXa
O Concello de Oleiros abre o 16 de marzo a preinscrición para unha saída á Serra do Forgoselo e ao Alto de Racamonde, que incluirá tamén unha visita ao museo etnográfico do Monte Caxado
cabalos-salvaxes-xistral-serra4
11 Mar 2026

O Concello de Oleiros celebrará o vindeiro 28 de marzo unha nova proposta do programa 'Andares por Galicia, a Cultura da Natureza', cun percorrido pola Serra do Forgoselo e o Alto de Racamonde, ademais dunha visita cultural ao museo etnográfico do Monte Caxado, nas Pontes.

A actividade permitirá ás persoas participantes achegarse a un dos espazos naturais máis singulares da comarca do Eume. A ruta discorre pola Serra do Forgoselo, integrada na ZEC Xubia-Castro, un macizo granítico situado ao norte das Fragas do Eume que destaca pola súa paisaxe de pequenos cumes redondeados e por espectaculares formacións rochosas modeladas pola erosión ao longo de millóns de anos.

Ao longo do itinerario será posible observar elementos xeolóxicos como penedos, bolos, pozas, pías e cacholas, nunha contorna de gran valor ambiental. O percorrido culminará na subida ao Pico Racamonde, desde onde se poderán contemplar amplas panorámicas sobre a comarca do Eume e os seus arredores.

Con esta iniciativa, o programa municipal busca divulgar os principais valores naturais, sociais e culturais de Galicia, ao tempo que fomenta o respecto polo patrimonio e promove hábitos de lecer saudable no medio natural. A proposta tamén pretende favorecer a convivencia e a socialización das persoas asistentes nun ambiente aberto.

A saída contará con tres guías especializados e ofrecerá 40 prazas para persoas maiores de idade. O prezo da actividade será de 23 euros e terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Oleiros.

A preinscrición poderá formalizarse preferentemente a través da sede electrónica municipal, dentro do catálogo de trámites de Cultura, a partir do luns 16 de marzo ás 10.00 horas. No caso de que a demanda supere a oferta de prazas, estas adxudicaranse mediante sorteo entre todas as solicitudes de persoas empadroadas rexistradas entre o luns 16 ás 10.00 horas e o martes 17 ás 14.00 horas.

As persoas que non poidan realizar o trámite por vía electrónica poderán facelo presencialmente no centro cultural A Fábrica, en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas.

Para máis información sobre esta ruta e sobre o conxunto do programa, as persoas interesadas poden dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, situado en A Fábrica, ou contactar a través do teléfono 981 636 598 e do correo electrónico r.caparros@oleiros.org.

0.11660385131836