A musicóloga Margarita Viso ingresa no Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses

ACoruñaXa
A compositora expuxo o seu discurso de ingreso ‘Un paseo pola historia musical da Coruña’, sobre a traxectoria da música na cidade
A compositora e musicóloga Margarita Viso, novo ingreso no Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses
24 Maio 2024

O Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses celebrou esta tarde unha nova cerimonia de ingreso no Museo de Belas Artes da Coruña. A intérprete, compositora e musicóloga coruñesa Margarita Viso, levou a cabo a lectura do discurso de ingreso baixo o título ‘Un paseo pola historia musical da Coruña’. O concelleiro responsable da área de Cultura, Gonzalo Castro, presidiu o acto e destacou a Margarita Viso como unha referencia na creación e divulgación musical da historia musical da Coruña.

O musicóloga, Premio da Crítica de Galicia en música no 2020 pola súa traxectoria, expuxo o seu estudo de ingreso achegando unha panorámica completa da historia musical da Coruña, dende os primeiros indicios nas representacións iconográficas da Idade Media ate a actualidade, coa Orquestra Sinfónica de Galicia como proxecto destacado. Viso sinalou que dende principios do século XIX hai indicios da presenza de orquestras sinfónicas, consolidando a tradición musical da cidade que hoxe completa a Orquestra de Cámara e os orfeóns e corais como El Eco ou Canticorum.

O concelleiro Gonzalo Castro, trasladoulle os parabéns a Margarita Viso polo estudo e situou a disciplina musical como un dos exercicios artísticos de cabeceira na cidade. “A música é unha das artes máis sensibles e completas e que ten nesta cidade unha gran tradición popular e profesional” explicou. Castro puxo en valor ás agrupacións profesionais da cidade para o posicionamento da Coruña como referencia musical e ás asociacións musicais e corais dos Centros Cívicos como garantía para a pervivencia da arte. Castro estivo acompañado na presidencia por Emilio Grandío Seoane, secretario accidental do Instituto José Cornide; e Ana Romero Masiá, directora do instituto.

 

O acto contou tamén con intervención musical da pianista Margarita Viso, que interpretou a ‘Muiñeira’ de Diego Antonio Machado; ‘El último adiós’, de Marcial del Adalid e a ‘Alborada’ de Veiga. Tamén, acompañada de María José Ladra e Juan Bernase, interpretou ‘No bico un cantar’, de Antón de Santiago; e ‘A Rosalía’.

0.16139888763428