A música galega toma a Praza da Tolerancia co festival 'Aquí tamén se fala'

ACoruñaXa
Unha cita musical que combina música e lingua para promover o uso do galego entre a mocidade
tamen-galego
14 Jun 2025

A Praza da Tolerancia acolleu a segunda edición do festival Aquí tamén se fala, unha cita musical que combina música e lingua para promover o uso do galego entre a mocidade. O evento, de acceso libre e gratuíto, está organizado pola asociación homónima e conta co apoio do Concello da Coruña no marco das políticas do Goberno de Inés Rey para dinamizar o idioma entre as novas xeracións.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou na apertura do festival e destacou “o poder da música para potenciar o uso do idioma, sobre todo entre os mozos e mozas en idade académica”, sinalando así a capacidade deste tipo de iniciativas para conectar coa xuventude a través da cultura.

Aquí tamén se fala naceu no IES Rafael Dieste como un proxecto escolar e, en pouco tempo, logrou expandirse por toda Galicia. Na súa anterior edición, mobilizou máis de 200 centros educativos e implicou a preto de 25.000 estudantes, converténdose nun exemplo de innovación e compromiso co idioma.

Nesta ocasión, o cartel estivo formado por Ortiga, Pava, Alana, Ulex e unha actuación sorpresa, mantendo a aposta por artistas emerxentes e consolidados que empregan o galego como lingua vehicular da súa creación artística.

Con este festival, A Coruña reafirma o seu compromiso cun modelo de dinamización lingüística que aposta pola participación activa da mocidade, a través de formatos que falan a súa linguaxe e reforzan o valor do galego como ferramenta de expresión, identidade e futuro.

⚙ Configurar cookies
0.16523003578186