A música encherá o casco histórico de Betanzos cun concerto especial

O vindeiro mércores 13 de agosto, ás 20.00 horas, a Igrexa de Santiago converterase no escenario do “Concerto Cidade de Betanzos”, unha das citas destacadas da Axenda Cultural deste mes. A actividade, promovida polo Concello de Betanzos, levará a música ao corazón do seu casco histórico cunha proposta que reúne tres formacións musicais da cidade.
Participarán no evento a Coral Polifónica de Betanzos, a Agrupación Musical Carlos Seijo e a Banda Municipal de Música do Concello de Betanzos. O concerto promete ofrecer unha noite única, chea de harmonías corais e instrumentais, para goce de veciñanza e visitantes.