A música en galego toma a Praza da Tolerancia co regreso do festival ‘Aquí Tamén Se Fala’

“Apostamos polo fomento da música e de todas as expresións artísticas en galego”. Con estas palabras, o concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña, Gonzalo Castro, reafirmou esta mañá o compromiso do Goberno de Inés Rey co apoio á cultura na nosa lingua durante a presentación da segunda edición do festival Aquí Tamén Se Fala. A cita será o vindeiro venres 13 de xuño a partir das 17.30 horas na Praza da Tolerancia, nun evento que reunirá música, activismo lingüístico e compromiso co galego.
A iniciativa, impulsada polo IESP Rafael Dieste e coa colaboración do Concello, naceu como un proxecto de dinamización lingüística e xa é todo un referente en Galicia. O ano pasado mobilizou a máis de 200 centros educativos e 25.000 estudantes. Este 2025, repite fórmula cun cartel de artistas que fan música en galego, entre os que destacan Dios Ke Te Crew, Pava, Alana, Ulex e a colaboración especial de Boyanka Kostova, ademais dunha actuación sorpresa que será desvelada durante o festival. A entrada será totalmente gratuíta.
O éxito da pasada edición, que reuniu preto de 5.000 persoas, fixo merecedor ao proxecto de múltiples recoñecementos como os premios Innovagal, Rosalía de Castro de Lingua, o Mil Primaveras ou o do Forum Europeo do Ensino. Un aval que consolida Aquí Tamén Se Fala como unha proposta exemplar no ámbito cultural e educativo.
Durante o acto de presentación tamén estiveron presentes outras figuras institucionais, como o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; a deputada provincial de Lingua, Soledad Agra; o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Idalecio Cabana; a directora do IESP Rafael Dieste, Norma Fariña; e os docentes coordinadores do festival, Arcadio González e Mónica Reigía. Tamén participou Lucía Aldao, integrante da banda Pava.
Aquí Tamén Se Fala non se limita a un evento anual. Ao longo de todo o curso desenvolveu iniciativas como gravacións con artistas de referencia (Amancio Prada, Quico Cadaval, Fillas de Cassandra, Xabier Díaz), campañas virais con apoios de figuras como Yolanda Castaño, Carlangas ou Champimuros, e incluso unha proposta para que o Deportivo da Coruña adopte oficialmente o topónimo “A Coruña”. Esta última acción contou co respaldo de personalidades como Víctor Freixanes, Rosario Álvarez, Ricardo Cao, Román Rodríguez ou Álex Bergantiños, así como da práctica totalidade do sistema educativo público coruñés.
Con este festival, o galego sae á rúa da man da mocidade, da cultura e da creatividade, reivindicando a súa presenza viva e activa no corazón da cidade.