A música emerxente toma o Castelo de San Antón coa cuarta edición dos Directos no Castelo

ACoruñaXa
Un evento que servirá para conmemorar o 15º aniversario dos Locais de Ensaio municipais
Castelo de San Antón na Coruña
16 Jun 2025

O Concello da Coruña celebra este venres, 20 de xuño, unha nova edición dos Directos no Castelo, un evento que servirá para conmemorar o 15º aniversario dos Locais de Ensaio municipais. A cita será no Castelo de San Antón, un espazo patrimonial que se transformará nun punto de encontro para a música nova e a creatividade da mocidade coruñesa.

A partir das 21.00 horas, o público poderá desfrutar dos concertos de seis bandas que medraron ao abeiro dos Locais de Ensaio: Apolo18, Experimento Basement, FNXX, Hathereal, Revel Velvet e Roda Door. Durante tres horas, soarán estilos tan variados como o indie-pop, o metal, o blues, o rock, o funk ou o grunge. A entrada será gratuíta, pero será necesario descargar un convite previamente a través da web municipal. As portas abrirán ás 20.45 horas e o acceso estará limitado á capacidade do recinto.

Antes dos concertos, entre as 18.00 e as 20.00 horas, o programa municipal Nocturnia ofrecerá un conxunto de actividades de lecer alternativo dirixidas á mocidade de 12 a 30 anos. Haberá obradoiros de estampación natural, artesanía e música, ademais dun espazo dinamizado pola equipa de Información Xuvenil, con retos participativos e información útil sobre recursos municipais xuvenís.

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, puxo en valor o papel que xogan os Locais de Ensaio como espazo de apoio ao talento novo: “Os Locais de Ensaio son unha ferramenta clave para apoiar o talento musical emerxente e favorecer que a mocidade poida desenvolverse artisticamente nun contorno accesible e colaborativo, unha proposta que forma parte das políticas Goberno de Inés Rey en materia de xuventude”. Ademais, destacou “o valor simbólico de celebrar este aniversario no Castelo de San Antón, un espazo patrimonial que se abre á creatividade xuvenil e á cultura feita desde abaixo”.

As entradas para os concertos están dispoñibles desde este luns 16 de xuño ás 12.00 horas, e as inscricións para as actividades de Nocturnia poderanse realizar entre o 17 de xuño, ás 10.00 horas, e o 20 de xuño, ás 12.00 horas, tamén a través da web municipal.

Con esta cuarta edición de Directos no Castelo, o Concello da Coruña reafirma o seu compromiso co apoio á creación musical, o impulso ao talento novo e a promoción dun lecer nocturno alternativo e saudable para a mocidade. Unha proposta que, ano tras ano, gaña peso no calendario cultural da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.17079591751099