A música electrónica estreará o Aborixe Fest cun cartel encabezado por Álex Martini

ACoruñaXa
O festival, con entrada gratuíta, reunirá no Campo da Feira a Kike Varela, Borja Solla, Bermu e Unaiii nunha nova aposta do Concello pola programación dirixida á mocidade
ABEGONDO presentación aborixe
13 Apr 2026

Abegondo incorporará unha nova cita ao seu calendario festivo coa primeira edición do Aborixe Fest, un evento pensado especialmente para a mocidade pero aberto a toda a veciñanza. A proposta celebrarase o venres 1 de maio no Campo da Feira e nace coa intención de darlle un novo impulso á tradicional festa xuvenil do municipio.

O gran reclamo do cartel será Álex Martini, un dos nomes máis coñecidos da escena nacional, que chegará a Abegondo cunha sesión marcada pola electrónica e polos ritmos urbanos. Xunto a el estarán Kike Varela, un dos DJ galegos con máis proxección, Borja Solla e os artistas locais Bermu e Unaiii, nunha combinación coa que a organización busca mesturar nomes consolidados e talento da contorna.

O Concello presentou o festival acompañado polos promotores Bruno Castro e André Vázquez, nun acto no que tamén participaron responsables do goberno local e representantes da mocidade. O obxectivo é converter esta nova cita nun referente do ocio xuvenil da comarca e dar un salto de formato cunha proposta máis ambiciosa.

A organización tamén avanzou que o recinto contará co escenario Gramola, equipado con efectos e pantallas, e que haberá postos de alimentación e bebida desde as 21.00 horas ata a madrugada. Con entrada gratuíta e un cartel centrado na música electrónica, o Aborixe Fest aspira a converterse nun dos pratos fortes da primavera en Abegondo.

0.12182021141052