A mostra itinerante 'O Fin do Camiño' chega este venres ao Museo do Xacemento Romano de Cambre

ACoruñaXa
A exposición, promovida polo Colectivo Egeria co apoio da Xunta de Galicia, centra esta edición nos fitos do Camiño Inglés e ofrece unha visión humana e monumental da peregrinación a Compostela
CAMBRE fin do camiño
14 Nov 2025

A mostra itinerante 'O Fin do Camiño' recalará este venres 14 de novembro no Museo do Xacemento Romano de Cambre, nunha nova parada do seu percorrido polas localidades vencelladas ao Camiño Inglés. A iniciativa, organizada polo Colectivo Egeria e patrocinada pola Xunta de Galicia, chega ao municipio cambrés como parte dun itinerario que ao longo deste ano visitará oito enclaves desta ruta xacobea.

A exposición, concibida para un público amplo e especialmente para peregrinos, presenta os seus contidos en galego, castelán e inglés. As súas imaxes, asinadas polos recoñecidos fotógrafos galegos Eduardo Ochoa e Carlos Puga, afastan a mirada máis turística para afondar nos aspectos humanos e monumentais do Camiño, destacando detalles significativos que forman parte da esencia da ruta a Compostela.

Os textos que acompañan a mostra exploran o concepto do fin do camiño como metáfora das emocións que impulsan aos peregrinos a emprender unha viaxe milenaria. Abórdanse cuestións como o pulo da fe, a tradición de máis dun milenio, o tránsito cara a unha terra de brumas e de luz ou a chegada de camiñantes procedentes de lugares afastados, unidos por un itinerario simbólico que Europa recoñece en Compostela. Tamén se reflexiona sobre a peregrinación en multitude ou en soidade, sobre os viaxeiros anónimos ou singulares, o millón de pasos do Camiño Francés e a cadea de fervor que desemboca na visita á tumba do apóstolo, punto final dun percorrido exterior que acompaña a unha transformación interior.

Cada panel complétase con breves glosas literarias de autores como Urbano Lugrís, Dante, Frei Luis de León, Filgueira, Pensado, Tirso, Machado, Fraguas, Pondal, Cunqueiro, Torrente, Cervantes, Celso Emilio Ferreiro ou Manuel Rodríguez López, que contribúen a enriquecer a experiencia da visita.

Nos últimos anos, 'O Fin do Camiño' percorreu numerosas vilas e cidades de Galicia e do resto do Estado, consolidándose como unha das propostas culturais máis recoñecidas arredor do fenómeno xacobeo.

⚙ Configurar cookies
0.070474863052368