A mostra fotográfica 'Chicas nuevas 24 horas' chega ao museo do traxe en Ordes

O Museo do Traxe Juanjo Liñares acolle a actividade Chicas nuevas 24 horas, unha proposta do Concello de Ordes para sensibilizar sobre a compra e venda de mulleres e nenas con fins de explotación sexual. Esta mañá visitou a instalación o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, Roberto Barba Alvedro, acompañado pola concelleira de Política Social, Susana García.
A exposición poderá verse ata o 31 de outubro e amosa, con material gráfico e textual, a crúa realidade que padecen milleiros de persoas no mundo. Inclúe, ademais, carteis e normas impostas ás vítimas en prostíbulos e negocios clandestinos. No marco da xornada, alumnado de 4º da ESO do IES Maruxa Mallo participou nun obradoiro e compartiu impresións co representante autonómico.
A programación complétase coa proxección do documental Chicas nuevas 24 horas, dirixido por Mabel Lozano, o martes 21 de outubro ás 10.15 horas no propio museo. As prazas son limitadas e é preciso inscribirse previamente chamando ao CIM de Ordes no 981 682 108. A iniciativa impulsase co gallo do Día Internacional contra a Explotación Sexual e o Tráfico de Mulleres, Nenas e Nenos (23 de setembro) e conta coa colaboración do CIM da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, enmarcada nas accións da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Consellería de Política Social e Igualdade.