A mocidade de Oleiros denuncia na radio local a falta de transporte público cara á Universidade e FP

A falta dun servizo de transporte público directo aos campus universitarios e centros de formación profesional volveu poñerse en evidencia nos micrófonos de Radio Oleiros. Tres estudantes do municipio participaron nun faladoiro moderado por Nerea Rodríguez para relatar en primeira persoa as dificultades ás que se enfrontan a diario para acceder aos seus estudos.
Indican que a situación afecta especialmente a zonas como Perillo, por onde pasan todos os autobuses que circulan por Oleiros, pero que carece dunha conexión directa cos campus. Segundo se denunciou no espazo radiofónico, a Xunta de Galicia segue sen dar resposta á petición realizada polo Concello no pasado mes de novembro para poñer en marcha unha liña específica que dea servizo ao alumnado.
Durante a conversa, Lara Fernández, veciña de San Pedro de Nós, advertiu que a problemática non se pode resumir á realidade das persoas que dispoñen dun coche propio: “Hai que falar de verdade coa xente que o está vivindo e non resumilo á xente que dispón dun coche, xa que os xóvenes non están nese caso”.
Pola súa banda, Jaime Gandoy, estudante de Educación Infantil e residente en Perillo, puxo o foco no custo económico que supón a alternativa do coche: “Non todo o mundo ten acceso ó carné, xa que custa moitos cartos. Unha liña de transporte público ós campus facilitaría moitísimo as cousas”.
Gabriel Rodríguez, estudante de Fisioterapia e veciño de Fornos, compartiu tamén a súa experiencia, afectado “pola pouca asiduidade das liñas” e polos horarios incompatibles coas clases.
A realidade é que moitos mozos e mozas de Oleiros seguen dependendo de vehículos privados, de familiares ou de compañeiros para poder continuar a súa formación. Os tempos de desprazamento, a falta de frecuencia e a incerteza horaria son, segundo denuncian, barreiras que dificultan o acceso á educación postobrigatoria e poñen de manifesto a necesidade dun transporte público digno, accesible e adaptado ás súas necesidades.