A mocidade de Miño terá unha saída a SPARK 81 cunha experiencia inmersiva tipo videoxogo

O Concello de Miño organiza unha nova proposta de lecer para a xente nova do municipio cunha saída a SPARK 81, un espazo de xogos interactivos e inmersivos no que as persoas participantes afrontan retos físicos e mentais por equipos, como se estivesen dentro dun videoxogo, a través de salas temáticas con tecnoloxía reactiva ao movemento.
A actividade está pensada para mozos e mozas nacidos entre 2008 e 2013 e desenvolverase na mañá do sábado 21 de febreiro. A saída será ás 9.15h e a chegada ás 14.00h, cun prezo de 4 euros por participante.
As inscricións permanecerán abertas ata o mércores 18 de febreiro e deben formalizarse no rexistro do Concello. Para máis información, o Concello habilitou o teléfono 604 004 439 e o correo cultura.deportes@concellodemino.gal.
SPARK 81 está situado na rúa Riazor, 8 (A Coruña) e foi concibido como unha alternativa de ocio urbano baseada no xogo en grupo, a coordinación e a estratexia, cun percorrido por distintas salas de desafío.