A mocidade de Culleredo arrinca o verán con deporte, aventura e actividades acuáticas

ACoruñaXa
A programación desenvolverase ata o 11 de xullo e ofrece dúas propostas diferenciadas por idades e intereses
CULL-CAMPAMENTOS
1 Jul 2025

Os mozos e as mozas de Culleredo deron comezo aos campamentos de verán organizados polo Concello a través da Concellería de Xuventude. A programación, que se desenvolverá ata o 11 de xullo, ofrece dúas propostas diferenciadas por idades e intereses: unha centrada nos deportes alternativos e outra nas actividades acuáticas.

As actividades, que se desenvolven no polideportivo Ría do Burgo en horario de mañá de luns a venres, están pensadas para cubrir as dúas primeiras semanas de xullo cunha oferta lúdica, activa e educativa.

Por unha banda, o Campamento Deportivo Alternativo está dirixido á mocidade de entre 12 e 14 anos, que poderá practicar disciplinas como lacrosse, tiro con arco ou sófbol, ademais de participar en xincanas, xogos deportivos e paddle surf.

Por outra, os rapaces e rapazas de 14 a 18 anos toman parte no Campamento H2O, centrado no mundo acuático, con actividades como surf e kayak, combinadas con propostas fóra da auga como escalada ou skate.

A experiencia culminará o venres 11 de xullo cunha excursión conxunta ao Aquapark, onde participantes de ambos grupos compartirán unha xornada de lecer.

A concelleira de Educación, Deportes e Xuventude, Cristina Pardo, estivo presente nesta primeira xornada e deu a benvida ao alumnado participante. “Un ano máis, apostamos por ofrecer á xuventude de Culleredo propostas de ocio saudables, activas e educativas para comezar o verán con enerxía e valores positivos, con opcións atractivas para todas as idades que fomentan a convivencia e a práctica deportiva”, sinalou.

⚙ Configurar cookies
0.16197919845581