A mocidade creativa toma a palabra no Certame Literario Xoán Díaz de Cambre

ACoruñaXa
A gala de entrega de premios celebrouse no IES David Buján nun emotivo recoñecemento ao talento xuvenil
premio-cambre
6 Jun 2025

Cambre vén de celebrar unha nova edición do seu Certame Literario Xoán Díaz, que neste 2025 cumpre trinta e un anos dando voz ás novas xeracións da literatura galega. A gala de entrega de premios, celebrada no IES David Buján, converteuse nun emotivo recoñecemento ao talento xuvenil que escribe e crea en galego.

Nesta edición, dez autores e autoras mozos foron galardoados polas súas obras en diferentes categorías, como poesía, narrativa e microteatro. Entre os nomes destacados están Noa Pardo (categoría de 12 a 14 anos), que recibiu premio pola obra Baleiro...; Dhayala Thalia De Lima (15 a 18 anos) con Nada me chama; e Carla López López (19 a 30 anos), gañadora coa peza Respira.

O evento non só foi un espazo para a entrega de galardóns, senón tamén unha mostra do poder da palabra e da emoción. Durante a gala, os textos foron lidos en voz alta polas súas autoras e autores, nun ambiente no que tamén houbo lugar para a música grazas ás actuacións dos coros locais As roseiras cantareiras e A Randeira de Cambre.

Desde o Concello de Cambre, organizador do certame, subliñan a importancia deste tipo de iniciativas para seguir impulsando a creación literaria en galego e para ofrecer canles de expresión á mocidade. O Certame Xoán Díaz continúa así a consolidarse como un referente cultural no municipio e no panorama literario galego.

⚙ Configurar cookies
0.11135816574097