A mocidade coruñesa enche de talento e compromiso a Feira Imaxina Coruña 2025

A Domus acolleu unha nova edición da Feira Imaxina Coruña 2025, que congregou a centos de persoas nunha xornada de portas abertas dedicada a poñer en valor o talento, a imaxinación e o compromiso medioambiental da mocidade coruñesa. O evento, impulsado polo Concello da Coruña a través dos Museos Científicos Coruñeses e a empresa Ceo Aberto, serviu como colofón á cuarta edición dun dos programas educativos de referencia da cidade.
Durante toda a mañá, a cidadanía puido achegarse aos 14 proxectos finalistas elaborados por 56 estudantes de oito centros educativos locais, todos eles baixo o lema ‘Auga limpa, futuro sostible’. As propostas espertaron un notable interese entre familias, comunidade educativa e público xeral, completando a capacidade das actividades programadas.
Un dos momentos máis agardados foi a entrega de premios aos equipos gañadores. O recoñecemento consistiu nunha viaxe á feira científica Zientzia Azoka, en Bilbao, e un cheque de 500 euros para cada centro destinado á compra de material científico e tecnolóxico. Entre os premiados desta edición destacaron o IES Isaac Díaz Pardo, o IES Puga Ramón e o IES Rafael Dieste.
A xornada completouse cun espectáculo científico de divulgación, ‘Explorando o cerebro’, a cargo de David Ballesteros, que colleitou unha excelente acollida por parte do público.
O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, salientou que "a extraordinaria participación rexistrada nesta edición demostra que A Coruña é unha cidade comprometida coa ciencia, a sustentabilidade e a educación pública de calidade. Esta feira é un exemplo do modelo polo que aposta o Goberno que lidera Inés Rey: un modelo que pon no centro o pensamento crítico, a igualdade de oportunidades e o recoñecemento do labor docente".